Escolares de Educación Primaria do Colexio Escolapios de Monforte visitaron a Casa do Concello

O alcalde de Monforte, José Tomé, acompañou este mércores a un grupo de estudantes de 2º curso de Educación Primaria do Colexio Escolapios durante unha visita didáctica á Casa do Concello.
Os nenos e nenas tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións municipais e especialmente o Salón de Plenos, onde o rexedor lles explicou o funcionamento do Concello como administración máis próxima á cidadanía. Tomé faloulles tamén do traballo que realiza o persoal funcionario e do papel dos diferentes grupos políticos. “Aquí está representada a vontade dos monfortinos e das monfortinas”, sinalou.
Durante a visita, o alumnado puido sentar nos escanos do Salón de Plenos, probar os micrófonos e descubrir como se organiza o tempo das intervencións nos plenos municipais. Ademais, tiveron ocasión de formular preguntas ao alcalde, que respondeu a todas elas.
A xornada completouse cun percorrido polas dependencias da Policía Local, onde os axentes lles mostraron as instalacións, o sistema de cámaras e os vehículos empregados no servizo diario. A actividade serviu para achegar aos máis pequenos o funcionamento das institucións locais dun xeito práctico e divertido.