Entrevista: “Recuperamos a única barca de dornas completa de todo Galicia, unha peza que tiñamos por desaparecida”
José Antonio Quiroga Díaz, director do Ecomuseo Pazo de Arxeriz situado en Fión, no concello de O Saviñao.
- ¿Que podemos ver agora mesmo nas salas do Ecomuseo Pazo de Arxeriz?
O Ecomuseo Pazo de Arxeriz non só é un conxunto de salas expositivas xa que o exterior ofrece tamén arquitectura e paisaxe combinados con xardíns, viñedo e unhas espectaculares vistas sobre o Cabo do Mundo desde o Castro de Arxeriz.
No tocante ás salas podemos dicir que destaca a da Cultura Fluvial, cunha grande concentración de embarcacións fluviais, e na que podemos ver estas barcas tradicionais do Miño, artes de pesca e outros aspectos relativos a un modo de vida que desaparece coa construción dos encoros, ademais fala da xente e dos pobos mergullados que desapareceron.
Continuando coa liña etnográfica, non pode faltar a sala da viticultura tradicional centrada na zona da ribeira, a cociña e o entroido ribeirao.
Tampouco nos podemos esquecer do castro de Arxeriz, escavado do 2013 ao 2017 e que destaca pola presenza dunha grande cantidade de graneiros que fan del un castro único ata agora e que se dedicou ao cultivo e almacenamento de cereal na súa última etapa coincidente coa chegada de Roma.
Así que podemos dicir que no Ecomuseo Pazo de Arxeriz se mesturan de forma equilibrada historia, tradición e paisaxe.
- Da dirección do museo encárgase a Fundación Xosé Soto de Fión. Quen forma a fundación e por que se decidiu a abrir este museo?
O Ecomuseo é a sede da Fundación Xosé Soto de Fión, presidida e creada por D. Xosé Soto dende o ano 1996 co obxectivo claro da recuperación do patrimonio histórico-artístico, etnográfico e natural.
- Fálenos un pouco do entorno que acolle o museo
O ecomuseo está nun entorno de máis de 30 hectáreas distribuídas en diferentes espazos como son lagoa e xardín, viñedos, horta, zona de froiteiras e bosque autóctono. Todo elo co fin de ofrecer un entorno agradable de desfrute pero tamén de aprendizaxe mentres se pasea xa que hai paneis identificativos non só das distintas plantas e árbores que conforman os xardíns senón que tamén a viña, que está conformada polas distintas variedades de uva galega, ten este tipo de paneis. Fornos do pan, cabaceiro ou hórreo forman tamén parte deste entorno.
- Están organizando algo especial para este mes de setembro ou teñen previsto algunha novidade?
Actualmente estamos traballando na recreación a escala 1:1 dunha unidade familiar que apareceu durante as campañas de escavación do castro de Arxeriz, situado no entorno da finca e que é unha das zonas máis salientables do castro composta de vivenda, almacén e graneiro ao que hai asociado un patio de traballo tamén cuberto no que se atoparon varios muíños e cerámicas de almacenamento.
A recreación segue a disposición das construcións tal como están no xacemento, logo de moitas consultas con expertos tanto en materia arqueolóxica como en materia de divulgación patrimonial, co fin de crear un espazo propiamente castrexo onde o visitante se poida mergullar facilmente neste ambiente castrexo.
Ademais disto, estamos traballando na posta en valor do castelo de Doiras, un referente na Comarca de Os Ancares. Os traballos consisten na adecuación dos espazos a visitar, colocación de elementos de seguridade, paneis informativos, etc.
- Cantos anos leva aberto o museo e cales son as perspectivas de futuro? Vaise facer algún cambio? Nas estruturas, nas salas...
O Ecomuseo leva aberto desde o ano 2004 e desde entón foron moitos os cambios que se realizaron nel: colocar paneis identificativos das plantas e árbores que conforman os xardíns, realizar cinco campañas de escavación no castro; tamén se publicou un libro que recolle todas as igrexas románicas da Ribeira Sacra con códigos QR e coordenadas GPS para poder chegar a elas dun xeito doado. Pero o cambio que marcou un punto de inflexión foi a apertura das salas da Cultura Fluvial que recollen a vida a carón dos ríos antes da construción dos encoros. É unha sala de grandes dimensións na que a presenza das barcas e dos pobos mergullados son o que máis sorprende e chama a atención aos visitantes durante as visitas guiadas.
Ademais da parte expositiva, hai moito traballo que non se ve de investigación, busca e recuperación que ás veces nos da grandes sorpresas como a de poder recuperar a única barca de dornas completa de todo Galicia, é unha peza única que pensabamos que xa estaba desaparecida completamente.
Como comentabamos antes agora estamos con un par de proxectos que nos levan moito tempo e recursos pero sempre seguimos e seguiremos a traballar co fin de mellorar, por iso non descartamos que co tempo se faga algún cambio.
- Quen se encarga de realizar as visitas guiadas e que é o primordial que buscades amosar? A parte que máis recomendades visitar do museo?
As visitas guiadas realízaas unha das traballadoras do Ecomuseo e van a depender do tipo de visitante xa que non é o mesmo que veña xente da zona que coñece o entorno e a Ribeira Sacra que xente que ven de fóra, pero o primordial é dar a coñecer os cambios e transformacións nos ríos coa chegada dos encoros.
- É boa a acollida do público? Adoitades recibir máis visitas en verán ca no inverno?
En xeral a acollida é moi boa e é moi habitual que repitan e nos volvan visitar. Nos meses de tempada alta ronda os mil visitantes.
- Non sei se queredes resaltar algunha cousa acerca das instalacións ou exposición que teñades previstas.
Agora mesmo estamos moi centrados na recreación castrexa xa que para nós é un reto pola complexidade e a importancia que ten esta época, ademais de ser un un grande esforzo económico. Non só será unha recreación senón que tamén se levarán a cabo actividades específicas en torno a ela que esperamos sirva para axudar na divulgación e mellor coñecemento da Cultura Castrexa en xeral pero deste castro en particular.