Entrevista. "A Feira do Viño de Quiroga dará un salto de calidade coas adegas profesionais"

RibeiraSacraXa
A Confraría do Viño é a encargada de seleccionar os caldos que participan na mostra. Achegámonos á súa labor da man do seu presidente, José Manuel Rodríguez.
quiroga confraría viño cata 2
3 Abr 2021

De non ser pola actual situación sanitaria, Quiroga estaría celebrando esta fin de semana unha nova edición da Feira do Viño. No seu lugar, o Concello organizou un completo programa de actividades co fin de manter vivo o espírito desta festa con catro décadas de historia, pero mantendo a seguridade de todos. A intención é organizar a feira vitivinícola os días 24 e 25 de xullo, se as circunstancias o permiten e, de facelo, incorporaranse por vez primeira os adegueiros profesionais.

A Confraría do Viño é a encargada de seleccionar, ano tras ano, os caldos que participan no certame. Achegámonos á labor deste colectivo da man do seu presidente, José Manuel Rodríguez.

Cal é o labor da Confraría do Viño nesta feira?

O organizador da Feira do Viño é o Concello, e nós colaboramos. A nosa función básica é facer a cata, é dicir, unha vez que os adegueiros entregan os viños ao comité organizador e se lles fai a análise química, nós facémoslles unha análise organoléptica. Facémola con tempo suficiente para que, se consideramos que o viño ten algún defecto subsanable, poidamos facer as recomendacións ao adegueiro para solucionalo, e se non é subsanable xa se descarta. Intentamos que os viños que vaian á feira teñan un mínimo de calidade porque ao final van a ser embaixadores non só da feira, tamén do pobo e da comarca.

Como é o proceso da cata?

Somos 23 confrades, temos que ser un número impar para que nas votacións non haxa un empate. Adoitamos dividirnos en dous grupos, para evitar que durante a cata poidamos comentar entre os compañeiros, tratamos que todo sexa o máis imparcial posible. En ningún momento queremos saber tampouco de quen é o viño, porque aquí estamos nunha zona pequena e todos nos coñecemos, e así evitamos prexuízos hacia ninguén, nin positivos nin negativos. Cada un dictamina desde o seu criterio, e logo facemos promedio dunha mesa e doutra. Normalmente, o que está ben para uns está ben para os outros. É difícil que teñamos criterios encontrados as dúas mesas de cata.

Que é o que fai especial o viño de Quiroga?

Os viños fanos especiais as terras e o clima. Aquí temos un val cunhas características climáticas determinadas, e mesmo dentro do propio val non é igual o viño da zona da Hermida que o do pobo de Quiroga, case cada zona ten un microclima que o fai distinto. Tamén inflúe a composición das terras, aquí temos arxila, arxila misturada con lousa, terras que son máis arenosas... Todo iso fai que unhas plantas produzan máis, porque reteñen por exemplo máis humidade, e outras menos. Normalmente a planta que produce pouco adoita dar uns parámetros de calidade máis altos. En principio, aquí todo o viño é de moi boa calidade. Duns anos para aquí plantáronse vides novas. Conserváronse as vellas que se consideraban que eran mellores -o mencía, o caíño, o sousón, o mouratón...- e o que se plantou fíxose clonando esas cepas que eran mellores nas plantacións novas.

Como xorde a Confraría do Viño?

Pois iniciámola polo ano 2012 os que xa eramos catadores da feira con anterioridade. Decidimos constituírnos nunha confraría, por darlle un nome, porque realmente é unha sociedade cultural.

Ademais de colaborar na organización da Feira do Viño, que outras actividades levan a cabo?

Un dos obxectivos da confraría, e máis desde que me elixiron presidente, é tratar de que a xente coñeza o viño, non só o da zona senón tamén de fóra, e que teña un coñecemento técnico para poder valorar o produto que está tomando, non dicir simplemente se está bo ou malo, senón saber explicar o por que. Para iso organizamos periodicamente cursos de formación, con contidos teóricos e prácticos, que imparten enólogos. Ademais facemos cursos de plantación de viñedo, mantemento, poda, aplicación de produtos fitosanitarios... Tratamos o viño de xeito integral.

Desde cando preside vostede a confraría?

Son o presidente desde abril de 2017. De feito, quédanme poucos días de mandato legal, porque son por catro anos. Este mes teremos que disolver a xunta directiva actual e abrir un proceso electoral para cambiala. É importante que vaia entrando xente nova, porque cada un temos o noso criterio e é interesante irse renovando.

Cal é o proceso para entrar na Confraría do Viño?

Para que entre un novo confrade ten que ser por unha baixa doutro, ben por renuncia ben por falecemento. Nós temos confrades ordinarios e numerarios. Todo o mundo que presenta candidatura á confraría xa se considera desde ese momento confrade numerario. Para presentar a candidatura teñen que avalarte tres persoas de dentro da confraría. Logo facemos un pequeno 'casting', por dicilo así, para ver os coñecementos que ten cada un. No último proceso que houbo para admitir xente nova, no ano 2019, entrou unha rapaza, a primeira muller que forma parte desta Confraría do Viño, non por machismo nin nada diso, quizais porque tradicionalmente era un mundo máis ligado aos homes.

Notan entón un maior interese das mulleres?

Si, tamén se nota cando convocamos os cursos, que hai moitas mulleres que están asistindo. Eu vexo unha evolución niso, e a verdade é que como catadoras, vémolo no tema da análise de olfato, as mulleres teñen vantaxe sobre os homes. Os matices que unha muller lle saca a un viño, non os sacamos os homes. Supoño que é cuestión de certa aptitude natural.

Os confrades usan un vestiario solemne...

Si, usámolo o propio día da cata, no desfile que facemos desde o Concello ata o Museo Etnográfico, que é onde temos a nosa sede social, e o día da inauguración da Feira do Viño, cando veñen as autoridades convidadas, etc. O vestiario é un sombreiro tipo peregrino e unha capa morada, representando a cor do viño tinto de Quiroga. Na parte esquerda levamos unha cruz de malta de oito puntas. Levámola todos en prata menos a persoa que fai a función de Irmán Maior da Confraría, que neste caso é o alcalde de Quiroga, que a leva en cor ouro e porta ademais un bastón de mando. O vestiario confire maior vistosidade aos actos.

Cantos produtores adoitan participar na Feira do Viño?

Non había un número pechado, pero entre 10 e 15. A feira estaba aberta ao adegueiro particular, non profesional, para que puidese vender ese excedente de viño que tiña na casa ao tempo que se promocionaba o produto en xeral. Ese formato de feira mantívose durante 39 anos. O ano pasado decidimos dar un salto de calidade, convidando ás bodegas da subzona Quiroga-Bibei, e varias xa se ofreceran a vir. Incorporar ás adegas profesionais evidentemente aumenta a calidade do viño. Non se pode comparar, por moitos coñecementos que teña, unha persoa que á marxe da adega se dedica a outras actividades, con unha adega profesional, que normalmente implica un equipo detrás, de enólogos, de enxeñeiros agrónomos, aportando os seus coñecementos, e iso nótase no resultado. Tiñamos todo ultimado para ese cambio, pero a covid fixo que non se puidese celebrar xa esa edición.

Agora traballan coas vistas postas en poder celebrar a Feira na fin de semana do 24 e 25 de xullo...

Si, a feira debería ser esta fin de semana, en plena Semana Santa, unha época moi boa, porque case todo o mundo está de vacacións. Esta data é inmellorable. Pero a actual situación obrigou por segundo ano a cambiala e agora pénsase en finais de xullo. O ano pasado xa a cambiaramos tamén para o verán e ao final non puido ser, a ver que pasa este ano. Se pode ser, encantados da vida, e senón, pois a planear a feira de 2022, non queda outra...

Como se plantexa a nova edición?

A idea é que este ano se incorporen xa as bodegas profesionais. O ano pasado tiñan previsto asistir cinco, e este ano agardamos que se sumen máis. Está todo falado, pero pendente do que vaia pasando coa covid. Por outro lado, somos conscientes de que en momentos como o pregón, para o que se adoita traer a persoeiros mediáticos, o pobo enchíase de xente, e hoxe esas aglomeracións son totalmente inviables. Tamén é un pouco problemático estar coas máscaras sanitarias cando do que se trata é de degustar viño... Haberá que adaptar unhas normas, a ver como sae todo. O que está claro é que suspender a feira é, a nivel económico, unha perda moi importante para a zona. Viña moita xente, que facía gasto aquí, e os negocios hostaleiros enchíanse todos. Ademais, a nivel particular, en cada casa aproveitaban para reunirse as familias, traían amigos...todos celebrando xuntos, e agora non se pode facer nada, pero é polo ben de todos.

0.19861793518066