En marcha as obras de renovación da cuberta do CEIP Manuel Bermúdez Couso na Pobra de Trives

A renovación da cuberta do CEIP Manuel Bermúdez Couso na Pobra de Trives xa está en marcha, cun investimento de preto de 600.000 euros por parte da Xunta de Galicia. Esta actuación inclúe a substitución da antiga cuberta inclinada de chapa simple por unha nova de paneis sándwich, que proporcionan mellores propiedades illantes. Ademais, procederase á demolición da cuberta vella para eliminar filtracións e humidades que afectaban a distintas zonas do centro.
Durante as obras instalarase un illamento de poliestireno sobre o forxado da cuberta, protexido polos paneis sándwich, e renovarase tamén o sistema de canelóns para garantir unha adecuada evacuación da auga da choiva. Para rematar, pintaranse os teitos interiores e exteriores afectados polas humidades.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o colexio acompañado pola alcaldesa, Patricia Domínguez, para supervisar o avance dos traballos. Pardo destacou que esta intervención, que abarca 3.426 metros cadrados, ten como obxectivo mellorar as condicións do centro educativo e aumentar a eficiencia enerxética, en consonancia co Plan de nova arquitectura pedagóxica impulsado pola Xunta.
O representante do Goberno galego subliñou tamén o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas en máis de 1.600 edificios escolares da comunidade, promovendo espazos máis accesibles e sostibles que beneficien toda a comunidade educativa da provincia de Ourense.