Empresarios de Chantada avanzan en innovación e uso da intelixencia artificial co programa Conecta Lugo

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organizou esta semana en Chantada unha nova sesión formativa enmarcada no programa Conecta Lugo, unha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia a través do IGAPE, centrada en achegar a tecnoloxía e a intelixencia artificial ao tecido empresarial da provincia.
O encontro, celebrado de forma presencial na Casa da Cultura de Chantada baixo o título “Rural intelixente: innovación e IA”, tivo como obxectivo mostrar de maneira práctica como estas ferramentas poden aplicarse no día a día dos negocios, facilitando o seu uso e axudando ás empresas a incorporar estas tecnoloxías con maior confianza.
A actividade reuniu a máis dunha decena de participantes con perfís diversos, desde proxectos ligados ao deporte e á xestión de redes sociais ata empresas do sector agroalimentario, favorecendo o intercambio de experiencias entre distintos ámbitos económicos.
Durante a xornada traballouse con exemplos reais e dinámicas participativas para explicar o potencial da intelixencia artificial na xestión empresarial. Contouse coa participación de profesionais como Rubén García, Head of IA & Automation en Protocols Consulting, e Roberto Cuíñas Arias, Project & Data Consultant en Medrar Innovation Office, que achegaron coñecementos e ferramentas prácticas para a súa aplicación.
Ademais da formación, os asistentes recibiron información sobre axudas públicas e próximas convocatorias vinculadas á dixitalización, o que lles permitiu identificar novas oportunidades para os seus proxectos.
Desde a CEL destacan que estas iniciativas forman parte dun programa máis amplo dentro de Conecta Lugo, a través do cal as empresas tamén poden acceder a asesoramento personalizado mediante a web do programa ou contactando directamente coa entidade.