Destacan nun evento de artesanía na Ribeira Sacra os oficios artesanais
Sober celebrou no día de onte o evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, onde se animou a vincular os oficios artesanais a un novo xeito de facer turismo.
Na iniciativa participaron 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia e estará aberta ao público nos pendellos do Santuario da Nosa Señora das Cadeiras desde as 11 ata as 21 horas.
Durante toda a xornada puideronse atopar pezas de olería –entre os expositores atopáronse representantes de tres dos centros de olería tradicional aínda activos en Galicia como son Gundivós (Sober), Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e Buño (Malpica de Bergantiños)–; madeira; téxtil; xoguetes artesanais; xoiería; traxe tradicional; e coiro.
Ao longo de toda a xornada celebráronse tamén catro obradoiros gratuítos e abertos ao público para achegar os oficios artesanais á sociedade, especialmente aos máis pequenos, e contribuír así a visibilizar a marca Artesanía de Galicia. Así, os artesáns Susana González, de Terralume (A Coruña), e Antón Román (Gondomar) impartiron un taller de iniciación ao torno cerámico. Pola súa parte, María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo) realizaron un obradoiro de creación de cianotipias e outro sobre a técnica de estampaxe xaponesa shitotaku. A artesá Iria Ribadomar, do obradoiro Deica! (Santiago de Compostela), estivo á fronte dun de debuxo.