Deputados do PP de Lugo e Ourense piden explicacións ao Goberno polos “retrasos” nas obras ferroviarias

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Piden a Adif que presente un calendario sobre os traballos a realizar no tramo entre Covas e Monforte e denuncian incidencias neste tramo que forma parte do eixo Vigo-Ourense-Monforte-Valdeorras-Ponferrada-León
vias-tren-ourense-monforte
6 Apr 2026

Deputados do Partido Popular por Lugo e Ourense no Congreso solicitaron información ao Goberno ante a “acumulación de retrasos” nas obras de mellora da liña ferroviaria que conecta ambos territorios. Os representantes populares advirten da “falta de avances” e reclaman explicacións sobre a planificación e execución dos distintos proxectos vinculados a esta infraestrutura.

Desde o PP alertan de que “as obras de mellora da liña Covas-Monforte de Lemos non rematen antes de finais do 2030 e o Goberno de Sánchez incumpra os prazos da Comisión Europea sobre o Corredor Atlántico ferroviario”. Neste sentido, esixen que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) presente un calendario “crible” que detalle as fases de licitación, adxudicación e finalización das obras.

Os deputados subliñan que os atrasos poderían afectar á mobilidade de mercadorías e persoas en Galicia, co conseguinte impacto na actividade económica e nas empresas do territorio. Ademais, sinalan a existencia de demoras en traballos como o estudo, a redacción de proxectos e a execución de melloras en desmontes, terrapléns, pontes, túneles e drenaxes no tramo entre Covas e Monforte de Lemos.

Este proxecto, formalizado en marzo de 2021 cun prazo inicial de dous anos e posteriormente modificado en 2024 ampliando a súa finalización ata marzo de 2025, acumula atrasos que preocupan aos representantes populares.

Os deputados Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades, xunto cos seus compañeiros do PP por Ourense Celso Delgado, Rosa Quintana e Ana Belén Vázquez, rexistraron diversas iniciativas para pedir explicacións ao Executivo sobre o cumprimento dos traballos e a actuación da empresa adxudicataria.

O deputado Francisco Conde denunciou as “malas condicións de fiabilidade e seguridade nesta liña por falta de mantemento e modernización” e sinala que os usuarios sofren con frecuencia incidencias como atrasos, problemas na catenaria, desprendementos ou limitacións de velocidade.

Así mesmo, os populares trasladaron ao Goberno varias preguntas parlamentarias sobre este tramo de 85 quilómetros que forma parte do eixo Vigo-Ourense-Monforte-Valdeorras-Ponferrada-León. Porén, segundo denuncian, as respostas do Executivo foron xenéricas e sen concrecións, limitándose a sinalar que “Adif segue traballando nos proxectos de mellora da infraestrutura”.

Por outra banda, o PP tamén solicitou información sobre os atrasos na rehabilitación do cable de enerxía de 2.200 voltios no tramo Covas (Rubiá)-Monforte de Lemos. Esta actuación, destinada a mellorar os sistemas de control e sinalización da liña, conta cun contrato asinado en xaneiro de 2022 cun prazo de execución dun ano.

Transcorrido o tempo previsto, os deputados aseguran que aínda non se coñecen detalles sobre o seu grao de execución e consideran insuficientes as explicacións ofrecidas ata agora polo Goberno, que se limitou a indicar que “Adif segue traballando na execución das obras”.

0.11564707756042