D.O. Ribeira Sacra e I.X.P. Terras do Navia únense nunha xornada sobre viños

RibeiraSacraXa | LugoXa
A Deputación organiza este venres unha xornada aberta aopúblico sobre os viños da provincia da man de Paadín e Peñín
Tunel do Viño
13 Xuño 2022

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xunto ao coautor da guía de viños de Galicia, Alejandro Paadín, presentaron este luns a Xornada de Aproximación aos Viños da Provincia de Lugo, que se celebrará no Pazo de San Marcos este venres, 17 de xuño e que contará cos referentes do mundo da enoloxía Luis Paadín e José Peñín Santos.

Será unha xornada gratuíta, “na que contaremos con estes dous profesionais de primeiro nivel, e coa que buscamos promocionar os viños da nosa provincia, tanto os da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, como da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia”, explicou a Deputada. Incidiu en que esta é unha actividade “pioneira e única porque será a primeira vez que Luis Paadín e José Peñín Santos, dous referentes absolutos no ámbito da enoloxía en Galicia e en España, ofrecerán unha conferencia conxunta, e será sobre os viños da provincia de Lugo”.

García Porto explicou que para a Deputación de Lugo “é un auténtico luxo e un orgullo que dous nomes de tan recoñecido prestixio internacional, autores das guías de viños de referencia, no eido español e no eido galego, se unan nesta actividade para divulgar e visibilizar os caldos lucenses”.

Esta xornada, indicou a Deputada, presenta tamén outra singularidade, pois será a primeira ocasión na que compartirán espazo os viños da DO Ribeira Sacra e da IXP Terras do Navia, polo que as persoas que se acheguen a este evento poderán gozar dunha experiencia única.

Esta actividade está dirixida tanto a profesionais do sector, como ao público en xeral, co obxectivo de que eles se convertan nos mellores embaixadores dos nosos viños, o que contribuirá, dixo García Porto, “a fomentar o consumo directo, e tamén a incentivar aos establecementos hostaleiros a ampliar a súa carta de viños lucenses ou propoñer novos maridaxes nos seus menús”.

Túnel de viño

Despois dunha conferencia, ás 17.00 horas, destes dous expertos, celebrarase un Túnel de Viños na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos. Trátase dunha cata aberta ao público, que comezará ás 18:30 horas, onde os participantes poderán probar unha selección de máis de 100 viños da provincia, tanto da Denominación de Orixe Ribeira Sacra coma da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia. Dous sumilleres encargaranse de atender ás persoas asistentes, aos que se entregará unha ficha sobre os viños exhibidos e poderán atuar como catadores puntuando os que consideran de mellor calidade.

INSCRICIÓNS

O evento será de balde, pero é preciso inscribirse tanto para a conferencia, como para o túnel do viño mandando un e-mail no que se indique nome e apelidos á dirección:
protocolo@deputacionlugo.org ou chamando ao 982.26.00.60 ou 982.26.01.34.

0.15920519828796