Cruz Fernández renuncia como concelleira de Por Chantada tras sete anos na corporación

A concelleira de Por Chantada – Interior Galego Vivo, Cruz Fernández Rodríguez, presentou a súa renuncia á acta tras sete anos de traballo na oposición municipal, unha etapa que dá por finalizada para centrarse en novos proxectos persoais e laborais.
A edil comunicou a súa decisión tras un proceso de reflexión e explicou que responde a motivos persoais, sinalando que dá este paso para dar prioridade a unha nova etapa vital fóra da primeira liña da política institucional. Na súa despedida, subliñou que se trata dunha decisión asumida con responsabilidade e agradeceu o apoio recibido ao longo dos anos. “Despois dun tempo prolongado de reflexión, tomei a decisión de pechar a miña etapa na primeira liña da política institucional”, sinalou Cruz, que recoñece que “non foi un paso sinxelo, mais o plano laboral e persoal exixíanmo”.
Tamén quixo reivindicar o seu compromiso co proxecto político no que participou, asegurando que “seguirei traballando por unha Chantada mellor” e amosando o seu apoio ao relevo que se producirá no grupo municipal. A través dunha carta de despedida, a xa exconcelleira puxo en valor o traballo desenvolvido, agradeceu o apoio da cidadanía e do seu entorno máis próximo e recoñeceu a esixencia da responsabilidade pública, ao tempo que defendeu a importancia de seguir traballando polo ben común desde distintos ámbitos.
Desde Por Chantada – Interior Galego Vivo valoraron o seu labor na oposición durante estes anos, destacando o seu papel na defensa do interese público e na fiscalización da xestión municipal, así como a súa proximidade coa veciñanza. A formación considera que este cambio forma parte dun proceso planificado de renovación e continuidade do proxecto político, que cualifican como “vivo, amplo e preparado” para seguir traballando por Chantada e “coa vista posta en atinxirmos o goberno municipal en maio de 2027”. A renuncia de Cruz Fernández dará paso á incorporación de Xavier Viana Álvarez como novo concelleiro no vindeiro pleno, asumindo así o relevo na recta final da lexislatura.