Crece a ruta dos murais en Quiroga cunha obra máis

RibeiraSacraXa
O artista urbano Mon Devane rematou onte o novo mural na vila de Quiroga, nunha fachada da praza da rúa Lago.
mural quiroga peregrina
30 sep 2021

O artista urbano Mon Devane rematou o novo mural na vila de Quiroga, nunha fachada da praza da rúa Lago. Nesta ocasión o tema elixido foi o Camiño de Inverno. Unha peregrina representa e recorda esta ruta Xacobea e a importancia que ten dentro do municipio.

Polo municipio quirogués transcorren 36 km desta ruta de peregrinación a Santiago, o trazado máis longo de todos os municipios polos que pasa, polo que esta circunstancia non podía deixar de estar presente nunha arte urbana que enxalza aqueles produtos e motivos que os distinguen.

Mon Devane caracterízase por ser un pintor de retratos, foto-realista, que utiliza spray para realizar as súas obras, nas que predomina a cor turquesa, algo que reflicte neste novo mural e que tamén vemos no mural realizado nunha da fachadas do Auditorio Municipal nunha representación do Aceite de Quiroga.

Os tres produtos que definen o municipio de Quiroga: o viño, o aceite, o mel; as lendas do río Sil e a importancia das súas augas; a empatía das mulleres e agora a peregrinaxe a Santiago teñen o seu protagonismo nesta nova arte urbana á que a capitalidade municipal se uniu.

Con estas nova obra pictórica urbana, financiada polo Consorcio de turismo da Ribeira Sacra, a vila quiroguesa conta con dez murais que seguindo a ruta deseñada dende a oficina de turismo se poden recorrer realizando unha pequena camiñada (1´5 Km) dentro da capitalidade municipal.

mural quiroga
0.20042109489441