Cortada ao tráfico a LU-P-1801 entre Chantada e Os Peares por danos no firme

RibeiraSacraXa
A aparición dunha fenda de varios centímetros no bordo exterior da calzada á altura do quilómetro 15, na parroquia de Nogueira de Miño, obrigou a suspender a circulación por seguridade
fochancas
Imaxe dunha estrada co firme deteriorado
20 Mar 2026

A Deputación de Lugo decidiu pechar ao tráfico a estrada LU-P-1801, que conecta Chantada con Os Peares, tras detectarse danos no firme que comprometen a seguridade viaria.

A decisión adoptouse este venres despois de que técnicos provinciais inspeccionaran o estado da vía á altura do quilómetro 15, na parroquia chantadina de Nogueira de Miño. Durante a revisión, comprobaron a aparición dunha fenda de varios centímetros no bordo exterior da calzada.

O treito afectado discorre xunto ao río Miño, nunha zona de viñedos con tránsito principalmente local e de maquinaria agrícola. Trátase ademais dun contorno con especiais dificultades xeolóxicas, o que xa obrigara a intervir neste mesmo punto en 2019 para reparar danos similares.

Desde a Deputación sinalan que a prioridade é garantir a seguridade dos usuarios, polo que se optou polo corte total mentres se analiza a situación. Os técnicos estudan agora posibles solucións para actuar sobre este treito da rede provincial na Ribeira Sacra.

0.11870098114014