Continúan as actividades en Monforte arredor da Xornada Europea da Cultura Xudía

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte continúa este mes de setembro coas actividades arredor da Xornada Europea da Cultura Xudía-Diálogos
2naFronteira monforte
11 sep 2021

O Concello de Monforte continúa este mes de setembro coas actividades arredor da Xornada Europea da Cultura Xudía-Diálogos, logo de que a partir de este sábado Monforte saía do nivel máximo de restricións por mor da covid19.

Deste xeito, o vindeiro xoves 16 de setembro ás 20.15 horas no Edificio Multiusos, terá lugar a segunda das actividades programadas polo Concello dentro desta xornada arredor da cultura xudía, en concreto, o concerto do grupo 2naFronteira co seu espectáculo A voz da pedra sefardí. Este concerto está programado tamén dentro do 9º ciclo de Cultura no Camiño do Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.

A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación. As entradas repartiranse dende as 19.15 horas e a entrada ó salón de actos realizarase ás 19.50 horas.

2naFronteira, "A voz da pedra sefardí"

As antigas e nostálxicas cancións sefardíes, que tanto camiño levan andado por oriente e occidente, fan agora unha nova viaxe da man de 2naFronteira, que fan delas unha interpretación chea de sensibilidade e elegancia.

Será un concerto variado, con cancións de amor, de berce, de voda...

A voz de Carmen Penim estará arroupada por Maurizio Polsinelli no piano e o harmonio, Miguel Paz na percusión e Carmen Gallego na nickelharpa e o violín.

2naFronteira leva máis dunha década interpretando este concerto Cantos sefardíes de amor e vida en festivais de cultura xudea, festas históricas e nas xuderías, como Ribadavia, Tui, Valença do Minho e en Italia. Chega agora a Monforte esta oportunidade de disfrutar cunhas melodías evocadoras e exóticas e ao mesmo tempo, familiares.

Cartel 2naFronteira
0.11524510383606