Continúa aberto o prazo para participar no concurso Sons do Rural
O Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra - Courel impulsa o concurso de música tradicional e interritmos Sons do Rural, un encontro musical que nace na importancia de gozar da música en directo. Así pois, o prazo de inscrición para todos aqueles e aquelas que desexen apuntarse é ata o 13 de setembro.
Os seis finalistas deleitarannos coas súas músicas no Náutico de San Vicente do Mar. O xurado presente seleccionará dúas propostas que terán dereito a participar no Circuíto Musical, actuando en directo nos territorios do GDR Deloa e GDR Ribeira Sacra Courel.
Así mesmo, o premio inclúe a gravación dunha peza que procederá de traballos de recollida do ámbito de actuación dos territorios de Deloa, Ribeira Sacra Caurel e o Salnés Ulla Umia e dun vídeo promocional, nun estudo de gravación profesional.
Desta maneira, poderase participar como músicos/as, grupos ou bandas instrumentais, de ata un máximo de 8 compoñentes, sempre que os traballos versen ben, na recreación ou evolución de pezas tradicionais, ben en pezas de nova creación que beban da música de raíz, inscribíndose na plataforma que se habilitará na web, ata o 13 de setembro antes das 14 horas.