Condena unánime no Parlamento Galego contra o ataque ao futuro centro de acollida de menores migrantes de Monforte

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
“Galicia non vai tolerar actitudes de racismo ou xenofobia”, advirte a portavoz de Política Social do PP, Raquel Arias
Raquel Arias
24 Sep 2025

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores, por unanimidade, unha proposición non de lei para expresar a súa “máis firme e rotunda condena” ao ataque sufrido polas instalacións do futuro centro de acollida de menores estranxeiros en Monforte de Lemos.
O acordo parlamentario inclúe tamén unha petición ao Goberno central para que abandone o actual sistema de reparto de menores migrantes, que cualifican de “inxusto e arbitrario”, e que dote ás comunidades autónomas dos recursos económicos necesarios para atender a estes rapaces. A iniciativa contou co voto en contra do PSdeG e coa abstención do BNG.

A portavoz de Política Social do PP, Raquel Arias, cualificou o ataque como “intolerable” e asegurou que “Galicia non vai tolerar actitudes de racismo ou xenofobia”. Con todo, apuntou ao rexedor monfortino, ao que acusou de ser “o primeiro que a nivel local amosou a súa incomodidade con que os menores migrantes fosen a Monforte”.

Arias defendeu que “Galicia foi e é unha terra acolledora, e a Xunta e o Partido Popular tamén, como o demostra o feito de que esta Comunidade autónoma teña acollido ata o momento, de forma voluntaria, o 16 por cento dos menores non acompañados, cando por poboación nos correspondería o 6 por cento”.

A deputada popular criticou a reforma da Lei de Estranxeiría impulsada polo Executivo central a principios de 2025, “logo dun acordo cos independentistas cataláns, aplaudido polo BNG”, que, segundo dixo, obrigou ás comunidades a aceptar repartos forzosos. Ademais, acusou ao PSOE de establecer un sistema de cálculo “para que fosen as comunidades gobernadas polo PP as que acollesen o maior número de menores, deixando tanto a Cataluña como ao País Vasco fora deste reparto”.

Sobre os custos derivados desta situación, Arias advertiu de que Galicia terá que asumir en solitario “absolutamente todos os gastos de vivenda, manutención, roupa, sanidade e educación sen que o Estado nos dea financiamento algún, o que suporá un desembolso para Galicia de 30 millóns de euros ao ano”.

A portavoz popular asegurou que a Xunta “está a favor de acoller inmigrantes e inmigrantes menores, como veu facendo sempre, pero ese acollemento ten que facerse non pola imposición, senón logo dunha negociación co Goberno; con financiamento por parte do Goberno central; e nun número adecuado ás nosas posibilidades de acollida”.

Para Arias, “o noso sistema é un dos máis inclusivos e integradores de España”, aínda que recoñeceu que “neste momento estas residencias están xa ao 108 por cento de ocupación, polo que a imposición de acollida sen previsión de 317 menores máis irremediablemente nos leva a ter que habilitar residencias con máis capacidade”.

⚙ Configurar cookies
0.092561960220337