Comezan as XV Xornadas do Cocido de Entroido da Ribeira Sacra Estase Cocendo
Ata o próximo 24 de marzo celebraranse as XV Xornadas do Cocido de Entroido da Ribeira Sacra Estase Cocendo no Centro do Viño de Monforte de Lemos, que organiza a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL) coa Deputación de Lugo.
Este ano dende a organización do Estase cocendo, homenaxease á historia do ferrocarril, que tan importante foi na cidade, co obxectivo de resaltar a súa importancia e de recuperar o prestixio que tivo no pasado.
Desde a delegación sur da APEHL decidiuse que este ano foran 4 os compadres do Estase Cocendo, relacionados co ferrocarril, en concreto, Germán López, xubilado ferroviario, Luis Blanco, Director do Museo do Ferrocarril de Galicia, Jesús Francisco Vila, Profesor do Colexio Ferroviario, e Javier Pérez, recentemente nomeado Director Xeral de Renfe Viaxeiros, cargo que compatibiliza coa Dirección da área de negocio de Alta Velocidade e Servicios Comerciais.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto felicitou á organización e evidenciou que estas xornadas enxalzan “un emblema da nosa mesa. O cocido é un prato con identidade que nos distingue do resto de lugares. Un sabor único, coa carne como protagonista, que rende homenaxe ás nosas costumes e tradicións”. Dixo tamén que o cocido é un prato “exquisito que trascende do seu valor gastronómico, xa que é a mellor escusa como punto de encontro para reunir a amigos, á familia e desfrutar dun momento de convivencia e festa a redor da tradición”.