Comezan as obras de mellora da estrada LU-611 ao seu paso por Taboada

O Concello de Taboada vén de anunciar o inicio das obras de renovación da estrada autonómica LU-611, unha actuación que o alcalde, Roi Rigueira, considera “unha gran noticia” para o municipio, especialmente para varias parroquias que dependen desta vía como principal conexión.
Os traballos afectan ao tramo comprendido entre o punto quilométrico 29+900, á altura de Sonán, e o punto 36, na propia vila de Taboada. Segundo explicou o rexedor, a previsión trasladada pola empresa adxudicataria é que as obras poidan quedar rematadas a mediados do mes de abril.
A actuación, salienta o rexedor, terá un impacto directo en parroquias como Insua San Salvador, Insua San Xián e Mourulle, así como en núcleos como Deilás, As Seixas ou Santa Eulalia, que utilizan esta estrada como vía principal de comunicación.
Rigueira destacou tamén a importancia desta mellora de cara á celebración da XIII Subida a Taboada, prevista para os días 25 e 26 de abril. A proba automobilística, organizada pola Escudería Taboada, poderá desenvolverse xa co novo firme, o que supón unha mellora nas condicións de seguridade.
O alcalde avanzou ademais que nas vindeiras semanas está previsto un incremento da actividade na mellora da rede viaria do municipio, con actuacións tanto en estradas autonómicas como provinciais e municipais, correspondentes a obras xa adxudicadas.
Por outra banda, advertiu de que durante a execución dos traballos na LU-611 poderán producirse cortes puntuais de tráfico, polo que será necesario empregar rutas alternativas para acceder a Taboada ou circular en dirección a Currelo.