Comeza a celebración da Xornada Europea da Cultura Xudía en Monforte
O Concello de Monforte deseñou para este mes de setembro, diversas actividades arredor da Xornada Europea da Cultura Xudía-Diálogos, actividades que están condicionadas nestes momentos pola evolución da situación sanitaria en Monforte, que segue no nivel máximo de incidencia pola covid19.
Monforte de Lemos pertence, xunto con outras poboacións de España, á Asociación Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad, o cal representa un recoñecemento ó seu rico pasado medieval e en particular á pegada hebrea no mesmo. Pertencer a esta asociación supón contar con actividades que permiten a divulgación do patrimonio histórico e artístico da cidade.
Dentro deste contexto, o Concello organiza diversas actividades dentro do marco da Xornada Europea da Cultura Xudía, as primeira das cales celébrase dende o pasado venres 3 de setembro na cidade de Monforte, o xogo interactivo Busca a chave do diálogo.
O resto das actividades programadas iranse anunciando en función de cando sexa posible a súa celebración. Entre elas están ideados diversos concertos musicais, así como a habitual visita guiada á zona de xudería de Monforte.
A temática da Xornada Europea da Cultura Xudía proposta pola Red de Juderías para este ano xira arredor da palabra “Diálogo”, a través da cal propón difundir e promover narrativas positivas que resalten a contribución dos xudeus europeos a unha Europa máis plural e inclusiva.
A Xornada Europea da Cultura 2021 celebrará este ano una das súas edicións máis ambiciosas baixo o paraugas do proxecto NOA (Networking Overcoming Antisemitism), asociación de redes que ten por obxectivo combater o antisemitismo en Europa mediante a avaliación das políticas dos estados membros da UE en diversas áreas, desde a educación ata a cultura e a seguridade, co fin de axudarlles a desenvolver plans de acción integrais para abordar e previr o antisemitismo.
Busca a chave do diálogo
Dende o 3 e ata o 30 de setembro, na zona de ámbito xudeu de Monforte pódese participar no xogo interactivo Busca a chave do diálogo.
O xogo consiste en ir completando tres pequenas probas en tres puntos xeolocalizados ubicados da zona histórica de Monforte co obxectivo de atopar 3 códigos QR e acadar finalmente a Chave do Diálogo.
Estes puntos marcaranse nun mapa, e os participantes poderán acceder a eles pola ubicación do seu teléfono móbil. En cada un destes puntos, unha actividade achegaralles á temática deste ano, “Diálogos”. Estas actividades, que consistirán en visualizar un vídeo, escribir un párrafo dunha historia en cadea, ou decidir que tipo de diálogo abrir, daralles a posibilidade de conseguir a famosa chave de Sefarad ó concluír as tres probas.
A Rede publicará as diferentes historias en cadea escritas por todos os participantes en cada cidade, e entre os gañadores da Chave do Diálogo, sortearase unha fin de semana completa nunha das cidades da Rede de Xuderías.
Para participar no xogo, é necesario inscribirse na web, ata o 30 de setembro: redjuderias.org/juega, e as instrucións para participar no xogo, poderanse consultar en: redjuderias.org/dialogos.