Chega a Sober a presentación do documental Nosoutras - Relatos Femininos
O Concello de Sober presentará o vindeiro 6 de novembro o documental Nosoutras - Relatos Femininos, a segunda parte dun proxecto de igualdade que nace co obxectivo de homenaxear ás mulleres do mundo rural e de facer visibles as condutas machistas que xerminan neste contexto.
A través desta iniciativa seis testemuñas femininas narran, con auténtica humildade e sinceridade, a súa biografía e como o feito de ser muller ten influído ao longo das súas vidas.
O proxecto Nosoutras está recollido en dous formatos. O primeiro deles o papel, a través dunha publicación na que coñecemos os relatos de Pili, Noelia, Otilia, Samanta e Sara, o que permitiu, mediante o sentido do tacto e da vista, achegarnos ás súas historias de vida. Os relatos presentáronse nun acto público e tamén se difundiron a través das redes sociais do Concello de Sober, onde tiveron grande éxito.
Agora o proxecto dá un paso máis e achégase ao mundo audiovisual para traspasar cada un dos nosos sentidos.
O 6 de novembro proxectarase o documental Nosoutras - Relatos Femininos no salón de actos do Concello de Sober. A presentación estará acompañada da arte musical de Sara Méndez Arias e Ana Fernández Gayoso.
Aforo limitado
Debido á situación na que nos atopamos, o aforo estará limitado, sendo necesario reservar para poder acudir. Para elo, as persoas interesadas en asistir poden chamar ao 982 46 05 13, de luns a venres e de 8 a 14 horas. O prazo finaliza o 28 de outubro.
Esta actividade está financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade en desenvolvemento do Pacto de Estado contra Violencia de Xénero e a súa planificación e elaboración executouse dende os Servizos Sociais do Concello de Sober coa colaboración da empresa Némesis Audiovisual.