Chega a Quiroga o día 11 de xullo o concurso de tapas
Quiroga prepárase neste mes de xullo para a exaltación dun dos seus produtos típicos coa celebración da XXXIX Feira do Viño. Como antesala deste festexo, por noveno ano, celebrarase o Concurso de Tapas.
O domingo día 11 darase o pistoletazo de saída dun concurso no que competirán nove establecementos hostaleiros da vila para alzarse co premio á mellor tapa. Acadar este premio conlevará facerse cun diploma acreditativo e un premio en metálico de 100 euros.
As bases do concurso mantéñense como en anos anteriores, polo que serán os propios consumidores das tapas do concurso os que decidan coa súa votación cal é a tapa gañadora. Para elo terán que votar nun tapacartón que levará o selo de todos os establecementos que concursan e que se poñerá cada vez que o cliente deguste a tapa concursante.
No tapacartón tamén terá que poñerse o nome da tapa que se elixe como gañadora e os datos da persoa participante posto que se depositará nunha urna para un posterior sorteo. Todos os concursantes, cos tapacartóns debidamente cubertos, entrarán no sorteo de moitos premios que van dende os 300 euros en metálico ata cestas con produtos típicos da zona, pasando por comidas ou ceas para dúas persoas en distintos establecementos locais e da Ribeira Sacra, a estancia nunha hospedería ou un paseo a cabalo.
Como novidade deste concurso que se desenvolverá ata o día 23 de xullo, os tapacartóns levan un código QR que serve para identificar os establecementos participantes, a súa localización e a tapa coa que concursan.
Os horarios de degustación das tapas serán pola mediodía de 12.00 horas a 14.30 horas e polas tardes dende as 19.00 horas ata as 22.30 horas. Neste amplo horario os establecementos comprométense a ter a disposición do público a tapa concursante, que mantén o seu prezo a 1’50 euros, de non ser así, os consumidores terán dereito a que lle selen igualmente o tapacartón.