Chega a Quiroga a exposición “Castelao de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza 1934-1944”

RibeiraSacraXa
A inauguración será este venres, 3 de outubro, e incluirá unha “visita teatralizada” a cargo do grupo de teatro Os Quinquilláns
exposicion-Castelao
1 Oct 2025

Con motivo do Ano Castelao, que conmemora o 75º aniversario da súa morte, Quiroga acolle a exposición “Castelao de ‘Sempre en Galiza’ ao Consello de Galiza 1934-1944”. A mostra percorre cronoloxicamente a actividade política e literaria de Castelao desde 1934, cando asina os seus primeiros artigos no desterro extremeño, ata 1944, ano da publicación da primeira edición de Sempre en Galiza e da fundación do Consello de Galiza, do que foi primeiro presidente.

A exposición, organizada polas Concellerías de Cultura e Normalización Lingüística de Quiroga e patrocinada pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, consta de oito paneis con materiais documentais e bibliográficos que resumem o pensamento político de Castelao. Inaugurarase o venres 3 de outubro ás 12:30 horas no vestíbulo da Casa da Cultura e permanecerá aberta ata o 15 de outubro.

A apertura incluirá unha “visita teatralizada” de aproximadamente 15 minutos a cargo do grupo de teatro Os Quinquilláns. Ademais, ese mesmo día, ás 13:00 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acollerá a representación da obra “Cousas”, tamén a cargo de Os Quinquilláns. Baixo a dirección de Lucho Penabade e Tero Rodríguez, esta versión de Cousas combina traxedia, comedia e farsa, abordando temas como a ecoloxía, a solidariedade, a emigración ou a xustiza social, e está pensada para público novo e adulto. A entrada será de balde e poderán asistir todas as persoas interesadas, incluído o alumnado do IES de Quiroga.

⚙ Configurar cookies
0.089989900588989