Chega a Pantón o festival Trece Roeis
Ferreira, no Concello de Pantón acolle este sábado 21 de agosto o Trece Roeis Fest, unha cita na que actúan grandes artistas coma Sés, Gin Toni's, Xabier Vizcaíno e Fuego Street band. O festival, que ten a colaboración da Asociación Ruliños Terras de Lemos, ten aforo reducido a causa da situación sanitaria.
A Deputación de Lugo colabora co financiamento do festival Trece Roeis, en Pantón, cunha achega de 4.000 euros para a celebración desta cita, que contribúe a dinamizar social, turística e economicamente a Ribeira Sacra. A colaboración lévase a cabo a través da actuación de Gin Toni’s, que terá lugar este sábado, 21 de agosto, e na que poderán participar 350 persoas.
O apoio económico ao Trece Roeis Fest enmárcase na política da institución provincial de colaborar con iniciativas que dinamicen a vida social e económica do rural e tamén que impulsen un turismo de calidade, sostible, non masificado, de proximidade e que pon en valor o patrimonio e crea emprego, especialmente no rural.
O festival naceu en 2019 como proposta cultural no concello de Pantón tras a cancelación do veterano Festival do Castro, converténdose nun novo acontecemento de referencia na Ribeira Sacra. Nesta edición, ademais do grupo Gin Toni’s, os asistentes poderán escoitar a Sés, Xabier Vizcaíno e Fuego Street Band.