Chantada recuperará o paseo fluvial do río Asma tras os danos causados polos temporais

RibeiraSacraXa
A CHMS encargarase de executar estes traballos, que se suman a outros levados a cabo polo Concello, como o arranxo da rúa Xoán XXIII e melloras en distintos camiños rurais
paseo-rio-asma-temporal
8 Apr 2026

Chantada recuperará o paseo fluvial do río Asma e a contorna da Piscina Climatizada tras os danos causados polos temporais de xaneiro, que provocaron un derrubamento do terreo nesta zona, así como o afundimento na rúa Xoán XXIII.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil será a encargada de executar os traballos no entorno fluvial, que comezarán proximamente e se estenderán durante tres meses. “Estamos moi satisfeitos coa CHMS porque atendeu as nosas demandas e vai realizar estas obras para solucionar os danos do temporal. Será un investimento importante para recuperar todo o paseo fluvial; as obras comezarán nos próximos días e remataranse no prazo de 3 meses”, sinala o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

En canto ao afundimento na rúa Xoán XXIII, será o Concello de Chantada o que se encargue de executar as obras, que comezarán esta semana. Primeiro substituiranse as tubaxes que dan saída ao río a parte do caudal que chega por esta rúa e, posteriormente, procederase ao hormigonado da vía.

Ademais destas actuacións, o Concello, en colaboración con outras administracións, investirá 840.000 euros na mellora de distintos camiños rurais en Carballizos, Riazón, Lucenza e Vilanova. Nestas zonas limparanse as cunetas e, posteriormente, aplicaráselles aglomerado en quente, actuando sobre un total de 13 quilómetros.

Así mesmo, desde o consistorio sinalan que xa se executaron melloras na estrada Regoufe-O Vilar e A Lagoa-Oulleiro, e que están adxudicadas as obras de Centulle-O Seixo, Lamela-Andemil, Garabelos-Sampaio, o acceso a Araulfe e outro viario no barrio de Marín.

“Facemos aglomerados en quente todos os anos e o que queremos é investir naquelas zonas onde as pistas están máis danadas. Por exemplo, en Garabelos, Paderne e Muradelle hai tráfico de maquinaria pesada polas explotacións gandeiras e queremos que toda esa zona quede en boas condicións. Así imos seguir ao longo do ano mellorando as nosas vías de comunicación”, destaca o alcalde.

0.12129688262939