Chantada Quere Sanidade inicia esta semana unha serie de accións para denunciar a redución da atención primaria e a falta de persoal

RibeiraSacraXa
A plataforma convoca unha mobilización este venres, 19 de novembro, ás 12.30 horas
concentración-Chantada-quere-sanidade
15 Dec 2025

A plataforma veciñal Chantada Quere Sanidade convocou unha concentración para o vindeiro 19 de decembro, ás 12.30 horas, diante do Centro de Saúde de Chantada, en protesta pola redución da atención primaria e a falta de persoal médico. A mobilización será a primeira dunha serie de accións coas que o colectivo pretende denunciar a situación que atravesa o centro e reclamar unha atención sanitaria digna para a poboación.

Segundo explica a plataforma, nas últimas semanas o Centro de Saúde de Chantada chegou a funcionar en numerosas xornadas con só dous médicos de atención primaria para atender a preto de 8.000 persoas da comarca. A previsión é que esta situación se manteña durante todo o mes de decembro, un período especialmente complicado polo aumento da demanda asistencial propia do inverno.

Desde Chantada Quere Sanidade advirten de que as ausencias por baixas ou vacacións cóbrense de maneira puntual con persoal alleo ao centro, o que impide a continuidade asistencial e deixa sen atender servizos básicos como a atención domiciliaria. Esta circunstancia provoca que moitos pacientes non consigan cita ou que, mesmo téndoa, acudan ao centro e non sexan atendidos pola falta de reforzos ese día. Ao mesmo tempo, o persoal sanitario que si presta servizo soporta unha sobrecarga de traballo que cualifican de insostíbel.

A plataforma sinala que hai usuarios que non logran cita co seu médico de cabeceira desde finais de novembro, o que supón esperas superiores a un mes para unha consulta de atención primaria. Ao seu xuízo, esta situación é consecuencia de “anos de falta de previsión e dunha xestión deficiente por parte das administracións”, que deixa a veciñanza desatendida e aos profesionais sometidos a unha presión laboral extrema.

O colectivo tamén alerta de que esta falta de atención en primaria repercute directamente no Hospital Comarcal de Monforte, cuxo servizo de Urxencias, xa sobrecargado, sofre unha maior saturación asistencial, chegando mesmo a provocar ingresos que poderían terse evitado cunha atención primaria en tempo e forma.

Chantada Quere Sanidade, plataforma veciñal creada para a defensa e mellora da sanidade pública en Chantada e Carballedo, lembra que “coas vidas non se xoga, e a Sanidade Pública é un dos bens máis prezados que temos como sociedade”.

⚙ Configurar cookies
0.097374200820923