Chantada presenta o seu IV Plan de Igualdade e contra a Violencia de Xénero 2026–2030

O Concello de Chantada impulsa as súas políticas de igualdade coa presentación do IV Plan de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, un documento que marcará a folla de ruta do municipio ata 2030. A presentación tivo lugar o venres 13 de marzo na Casa da Cultura, no marco da programación organizada con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.
A concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, destacou que o plan representa “un compromiso político para garantir dereitos, mellorar a calidade de vida, previr violencias machistas e construír un concello máis xusto”. Segundo Fernández, o IV Plan baséase nunha análise da realidade local e na avaliación do plan anterior, ofrecendo unha estratexia baseada en datos e na experiencia acumulada: “Planificamos con base en datos reais e na experiencia acumulada. Desde aí fixamos obxectivos estratéxicos e medidas concretas para consolidar a igualdade como eixo vertebrador das políticas municipais, desde a organización interna do Concello ata a vida social e comunitaria de Chantada”.
O plan estrutúrase en seis áreas estratéxicas que inclúen dez obxectivos estratéxicos, 17 obxectivos operativos e un total de 67 medidas. Entre estas áreas destacan a incorporación da perspectiva de xénero na xestión e planificación municipal, a prevención e atención integral á violencia de xénero, a educación en igualdade e a corresponsabilidade social, o empoderamento e a participación das mulleres no emprego e na formación, a promoción da saúde e do benestar con enfoque de xénero, e a garantía de igualdade na cultura, o deporte, o turismo e o ocio.
Entre os obxectivos prioritarios do IV Plan atópase aumentar a prevención e educación en igualdade desde a escola, o deporte ou a cultura; reforzar a coordinación e os recursos para mellorar a resposta fronte á violencia de xénero; fomentar a corresponsabilidade nas tarefas e nos coidados; incrementar a autonomía e as oportunidades das mulleres no emprego, na formación e na participación social; e consolidar a igualdade na propia xestión municipal, integrando a perspectiva de xénero na toma de decisións.
Para supervisar o desenvolvemento do plan constituíuse unha Comisión de Igualdade formada por persoal municipal de distintas áreas, que avaliará periodicamente o avance das medidas. A concelleira insistiu en que “a igualdade non se constrúe só desde unha concellaría, senón que conta toda a sociedade en conxunto. Con este Plan damos un paso máis para que Chantada sexa un concello onde vivir sen medo, con igualdade de oportunidades e con dereitos reais; non como unha aspiración, senón como unha realidade cotiá”.
O IV Plan de Igualdade e contra a Violencia de Xénero 2026–2030 pode consultarse na páxina web municipal, na sección de Igualdade. A programación do 8M continúa durante marzo con obradoiros de educación afectivo-sexual nos institutos da vila. Ademais, o sábado 28 de marzo, o Auditorio Municipal acollerá a proxección da película A metade de Ana, centrada na identidade de xénero, ás 19:00 horas, con entrada libre e gratuíta.