Chantada prepárase para comezar a cuadraxésima terceira edición da Feira do Viño

RibeiraSacraXa
Os postos abrirán esta tarde, ás 20:00 horas, dando comezo a un intenso programa de actividades que se estenderá até o domingo
Feira-do-Viño-Chantada-2024-3
6 Mar 2026

A XLIII Feira do Viño de Chantada abre as súas portas este venres, inaugurando, un ano máis o calendario das feiras do viño da Ribeira Sacra.

Nesta 43ª edición participarán trece adegas: Adega Lareu Sabatelivs, Adegas e Viñedos Vía Romana, Adega Amedo, Adega Condado de Sequeiras, Adega Albarduxe, Adega Cabo do Mundo, Adega Pilares de Belesar, Adega Instinto Romano, Adega Castrofiz, Adega Os Cipreses, Adega Enonatur, Adega Calexotes e Adega Teijeiro Lemos.

A cita desenvolverase, como é habitual, na carpa instalada na Avda. de Monforte á altura da Praza de Galicia. Os stands abrirán este venres ás 20:00 horas, dando inicio oficial a tres xornadas nas que o viño compartirá protagonismo coa música e outras propostas culturais. Esa primeira noite contará con actuacións musicais, entre elas a da Agrupación Tradicional da Casa da Música e o grupo Assia.

O sábado comezarán as catas que, como novidade, no caso da cata popular este ano celebrarase no Auditorio Municipal. Ao longo da xornada haberá tamén concertos e actuacións de charangas e orquestras, con especial presenza de agrupacións locais e música tradicional.

O domingo desenvolveranse algúns dos actos centrais. Dez minutos antes do pregón procederase á lectura do manifesto do 8M, Día Internacional da Muller. A continuación, o humorista, actor e presentador da TVG Roberto Vilar Fernández será o encargado de pronunciar o pregón desta edición e, posteriormente, terá lugar a entrega de premios da Feira. A xornada completarase con actuacións musicais para amenizar a festa.

Para os profesionais do sector, a sala principal do Auditorio Municipal acollerá o VI Túnel do Viño de Chantada. A proposta desenvolverase durante a fin de semana en horario de 11:30 a 14:00 e de 18:00 a 20:30, cun prezo de 10,00 € para a entrada.

A programación inclúe ademais actividades infantís gratuítas na Ocioteca Infantil, na Casa da Música, destinadas a maiores de tres anos. Estes obradoiros, a cargo de Velaísca, terán horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 durante o sábado e o domingo.

Por último, coincidindo coa Feira do Viño celebrarase a XVII edición da Feira de Oportunidades e a XVI Mostra de Produtos de Artesanía, organizada pola Asociación de Empresarios de Chantada CCA Ribeira Sacra coa colaboración do Concello.

PROGRAMA COMPLETO DE LA XLIII FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA

0.1237530708313