Chantada inicia a programación do 8M con actividades para promover a igualdade

O Concello de Chantada, a través do Centro de Información á Muller (CIM), puxo en marcha a programación con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, cunha serie de propostas destinadas a fomentar a igualdade e a sensibilización social entre a veciñanza.
A primeira das actividades celebrouse este venres na Biblioteca Municipal, coincidindo co ciclo mensual de contacontos. Nesta ocasión, o público infantil e familiar puido desfrutar do espectáculo “Somos iguais na maxia”, unha proposta na que a ilusión, o humor e a participación do público serviron como ferramentas para transmitir valores de igualdade.
A través da maxia como recurso educativo, o espectáculo abordou cuestións como a loita pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero. Durante a sesión tamén se trataron temas como a fenda salarial, os estereotipos de xénero ou o papel das mulleres ao longo da historia e no ámbito laboral, todo iso adaptado a unha linguaxe accesible para as crianzas.
As actividades continuarán o domingo 8 de marzo cun acto institucional que terá lugar no marco da 43 Feira do Viño de Chantada, que comeza esta mesma fin de semana na vila do Asma. A concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, será a encargada de dar lectura ao manifesto institucional ás 12:45 horas no palco central do recinto feiral.
Este acto realizarase antes do pregón oficial da feira e da entrega de premios aos mellores viños desta edición, integrando así a reivindicación da igualdade nun dos eventos máis destacados do calendario festivo e cultural do municipio.
A programación do 8M continuará uns días despois coa presentación do IV Plan de Igualdade do Concello de Chantada. O acto terá lugar o venres 13 de marzo ás 19:00 horas na Casa da Cultura e servirá para dar a coñecer esta nova ferramenta de planificación municipal.
Segundo explican desde o goberno local, este plan está concibido como un instrumento de coordinación transversal que permitirá orientar as políticas públicas cara a un modelo de convivencia baseado no respecto, na corresponsabilidade e na igualdade real entre mulleres e homes.
Ademais, ao longo deste mes tamén comezarán nos centros de educación secundaria do municipio diferentes obradoiros de educación afectivo-sexual dirixidos ao alumnado. Estas sesións buscan promover relacións saudables, o respecto mutuo e a prevención de condutas discriminatorias desde idades temperás.
Con este conxunto de actividades, o Concello de Chantada pretende reforzar o seu compromiso coa igualdade e coa promoción de iniciativas educativas e sociais que contribúan a avanzar cara a unha sociedade máis xusta e libre de discriminacións.