Chantada inaugurará este xoves a mostra ‘Coreografías do Facer’ co gallo do 8M

RibeiraSacraXa
A exposición, cedida polo Museo do Pobo Galego, ofrecerá imaxes do traballo feminino tomadas por Gustav Henningsen
8m-oleiros
8M
18 Mar 2025

O Concello de Chantada continúa esta semana coa súa programación para conmemorar o Día Internacional da Muller, celebrado o pasado 8 de marzo. Así, este xoves, 20 de marzo, inaugurarase na Casa da Cultura de Chantada a exposición ‘Coreografías do Facer’.

A mostra cedida polo Museo do Pobo Galego, ofrece imaxes do traballo feminino tomadas por Gustav Henningsen, folclorista e antropólogo danés que entre os anos 1965 e 68 percorreu as vilas e aldeas galegas recompilando documentación fotográfica e oral onde as mulleres teñen un gran protagonismo.

O 21 de marzo ás 19:30 horas o Auditorio Municipal de Chantada acollerá a III Mesa Coloquio do 8M, onde se dan cita un interesante grupo de mulleres vencelladas a Chantada. Nesta ocasión o colectivo escollido foi o da muller investigadora, unha profesión ás veces descoñecida e non sempre valorada. Para repasar inquedanzas, facilidades ou dificultades profesionais e persoais derivadas da súa carreira investigadora, intervirán Tamara González López, Doutora en Historía, Tania Vázquez García, Investigadora Filoloxía Galega, Rosa Montes Goyanes, Doutora en Química, Cristina Fente Sampayo, Doutora en Bioquímica e Paula López Pérez, Doutora en Enxeñaría Biomédica.

A programación para celebrar o 8M en Chantada completarase o día 23 de abril coa Xincana pola Igualdade na que participarán arredor de 80 nenos e nenas dos colexios, Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla.

⚙ Configurar cookies
0.87416100502014