Chantada inaugura a renovada Praza Luis García Arias tras un investimento de 75.000 euros

O Concello de Chantada abriu ao público a Praza Luis García Arias, un espazo que foi obxecto dunha recente reforma grazas a unha subvención da Xunta de Galicia destinada á mellora de infraestruturas, cun investimento total de 75.000 euros.
A intervención converteu a praza nunha área accesible que salva a pendente do terreo mediante a creación de catro plataformas. Estas plataformas, ademais de facilitar a mobilidade, minimizan o impacto visual dos muros de formigón ao rebaixar o seu nivel. Na primeira delas instalouse un parque infantil adaptado, mentres que as outras tres destinaronse a zonas verdes con bancos corredizos, que complementan un espazo arborado con especies arbustivas e árbores que, no futuro, proporcionarán sombra e cor.
“Esta praza levaba tempo en desuso e coa proximidade dos centros escolares e das instalacións deportivas do entorno parécenos importante transformar esta zona nun espazo polivalente, que incluíse un parque infantil e crease áreas verdes con sombra para o descanso da xente, principalmente das persoas que viven alí”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, que asegura que os veciños están “moi satisfeitos” cos traballos.
Con esta actuación, a área de Infraestruturas Urbanas do Concello continúa co seu plan de recuperación de espazos e prazas desaproveitadas para convertelas en zonas de lecer agradables. Para o próximo ano, están previstas dúas importantes obras no casco urbano que permitirán habilitar novas superficies para o contacto coa natureza e o descanso.