Chantada dedicará o 8M ás mulleres viticultoras

O Concello de Chantada, a través do Centro de Información á Muller, organiza unha ampla programación para celebrar o 8M, Día Internacional da Muller. Nesta xornada lerase o manifesto e farase coincidindo coa Feira do Viño de Chantada. A concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, lerá o manifesto o sábado, 8 de marzo, ás 12.00 horas no palco central.
Nesta ocasión a imaxe da celebración do 8M en Chantada ten como protagonista á muller viticultora cun cartel feito polo artista local, John González, que tamén é portada dun díptico informativo sobre a xornada. “O cartel do 8M no Concello de Chantada para este ano é unha homenaxe á muller viticultora, Chantada é lugar de mulleres viticultoras e ademais coincídenos coa Feira do Viño. Antes do 8M estamos repartindo os carteis e dípticos, o 8M lemos o manifesto e durante marzo e abril desenvolveremos distintas actividades de sensiblización”, explica Pamela Fernández.
No díptico que entrega o Concello de Chantada repásase a historia do 8M para coñecer de onde se parte, onde estamos e a onde se quere chegar con esta celebración. Tamén se ofrece información sobre o CIM, o Centro de Información á Muller que funciona na 2ª planta do Edificio Multiusos de Chantada ofrecendo atención psicolóxica e asesoramento xurídico ás mulleres que o soliciten ante situacións de abuso ou discriminación. O CIM impulsa ademais accións para promover a igualdade, como acontece coa celebración do 8M.
Así o 14 de marzo pola tarde na Biblioteca Municipal haberá unha actividade de contacontos teatralizado sobre igualdade. Trémola Teatro presentará “Vamos ao recreo”, unha proposta de xogos sen xénero. A finais de mes, tamén se levarán sesións de contacontos aos dous centros de ensino da vila, o Xoán de Requeixo e o Eloísa Rivadulla.
Seguindo coa programación do 8M, o día 20 de marzo inaugurarase na Casa da Cultura de Chantada a exposición, Coreografías do Facer. A mostra cedida polo Museo do Pobo Galego, ofrece imaxes do traballo feminino en Gustav Henningsen, folclorista e antropólogo danés que entre os anos 1965 e 68 percorreu as vilas e aldeas galegas recompilando documentación fotográfica e oral onde as mulleres teñen grande protagonismo.
O 21 de marzo ás 19:30 horas o Auditorio Municipal de Chantada acollerá a III Mesa Coloquio do 8M, onde se dan cita un interesante grupo de mulleres vencelladas a Chantada. Nesta ocasión o colectivo escollido foi o da muller investigadora, unha profesión ás veces descoñecida e non sempre valorada. Para repasar inquedanzas, facilidades e/ou dificultades profesionais e persoais derivadas da súa carreira investigadora, intervirán:
- Tamara González López, Doutora en Historia
- Tania Vázquez García, Investigadora Filoloxía Galega
- Rosa Montes Goyanes, Doutora en Química
- Cristina Fente Sampayo, Doutora en Bioquímica
- Paula López Pérez. Doutora en Enxeñaría Biomédica
A programación para celebrar o 8M en Chantada completarase o día 23 de abril coa Xincana pola Igualdade na que participarán os colexios, Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla, “Participarán sobre 80 nenos e é a segunda xincana que imos facer porque a experiencia do pasado ano foi moi positiva. Nenas e nenos aprenderon moitos dos recursos que temos no municipio, de mulleres que non coñecían,… Pareceunos unha experiencia moi interesante e repetirémola para pechar esta interesante programación do 8M en Chantada”, conclúe Pamela Fernández.