Chantada celebrou o día grande da súa Feira do Viño cunha multitudinaria xornada festiva

RibeiraSacraXa
Roberto Vilar protagoniza o pregón da 43 edición dunha cita que abre o calendario das feiras do viño da Ribeira Sacra
Feira-viño-chantada-2026-actos-2
9 Mar 2026

A vila de Chantada viviu este domingo o día grande da súa tradicional Feira do Viño, unha celebración que este ano alcanza a súa 43 edición e que marca o inicio do calendario de feiras vitivinícolas na denominación de orixe Ribeira Sacra. A xornada desenvolveuse nun ambiente festivo e cunha grande afluencia de público, favorecida tamén por unha climatoloxía que acompañou durante toda a mañá.

Miles de persoas achegáronse ata o recinto feiral para gozar dun programa que combinou música, actos institucionais e degustacións, nunha cita que serve cada ano para poñer en valor a tradición vitivinícola da zona e a calidade dos seus viños. A actividade no palco principal comezou coa actuación da Banda de Gaitas do Concello de Chantada, que abriu unha xornada marcada tamén pola celebración do Día Internacional da Muller.

A continuación, a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional do 8 de marzo. Tras este acto chegou un dos momentos máis esperados do programa: o pregón da feira, que nesta edición correu a cargo do humorista, actor e presentador da TVG Roberto Vilar.

O pregonero, moi seguido polo público, protagonizou unha intervención cargada de humor pero tamén de emoción, especialmente significativa ao tratarse do primeiro acto público que realizaba tras o falecemento do seu pai. Durante o seu discurso, o comunicador fixo unha reflexión sobre o valor das xeracións que construíron o rural galego e sobre a importancia da terra nun tempo marcado pola dixitalización.

Natural da Mariña lucense, do concello de Xove, Vilar falou da súa relación coa provincia e coa Ribeira Sacra para destacar o valor do territorio e da súa cultura vitivinícola. No seu discurso lembrou o esforzo das xeracións anteriores, ás que definiu como persoas que “educaron aos seus fillos sen estudos e sen luxos, pero facendo que nunca faltase nada”. Tamén evocou con emoción a figura da súa nai e a capacidade de sacrificio das familias do rural.

O presentador quixo tamén enxalzar a paisaxe e os viños da zona, asegurando que “quen vive aquí ten a sorte de estar nun lugar extraordinario”. Ao rematar a súa intervención, bromeou co público asegurando que lle gustaría atopar unha pequena casa nas proximidades do río Miño para poder gozar da contorna natural da Ribeira Sacra.

No palco institucional estiveron presentes diversas autoridades, entre elas a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela; así como parlamentarios, alcaldes doutros concellos e representantes de diferentes institucións.

Durante o seu discurso, o alcalde de Chantada agradeceu a presenza do público, das autoridades e das adegas participantes. O rexedor felicitou ao pregonero pola súa intervención e destacou o bo momento que vive o sector vitivinícola da zona. Ademais, tivo palabras de lembranza para José María Gómez de Tojeiro, coñecido como Chemari, a quen atribuíu un papel fundamental na evolución da feira e na mellora da calidade dos viños da comarca.

Lorenzo Varela subliñou tamén o compromiso do Concello coa igualdade, lembrando que a defensa dos dereitos das mulleres debe estar presente durante todo o ano. Tras as intervencións institucionais, o alcalde fixo entrega ao pregonero dunha peza artística elaborada por Juan José Lomarti, autor do cartel desta edición.

Durante o acto tamén se recoñeceu a participación das adegas presentes na feira, entre elas Lareu Sabatelivs, Vía Romana, Amedo, Condado de Sequeiras, Albarduxe, Cabo do Mundo, Pilares de Belesar, Instinto Romano, Castrofiz, Os Cipreses, Enonatur, Calexotes e Teijeiro Lemos.

Un dos momentos máis destacados da xornada foi a entrega de premios aos mellores viños da edición. Na cata popular, na que participaron 108 persoas, os viños máis valorados foron Sabatelius Mencía 2025 de Adega e Viñedos Lareu, Instinto Romano 2025 de Adega Instinto Romano e Vía Romana Mencía 2024 de Adegas e Viñedos Vía Romana.

Pola súa banda, a cata oficial distinguiu once viños seleccionados por un panel especializado de catadores e profesionais do sector. Entre os galardoados co recoñecemento de Gran Ouro figuran Urbanita Vago y Cortés branco 2024 e 500 Cepas 2024, ambos da adega Enonatur.

Na categoría de Ouro foron premiados Calexotes Godello 2025, As Glorias de Amedo 2025, Albarduxe 2025 e Condado de Sequeiras Mencía 2024. Ademais, na categoría de Prata recoñecéronse Condado de Sequeiras Godello 2025, Sueños de Martina rosado 2024, Cabo do Mundo Outro Lado 2025, Vía Romana Mencía 2024 e Vía Romana do Camiño Garda 2022.

Entre as autoridades presentes tamén participou a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, quen puxo en valor o carácter singular dos viños da Ribeira Sacra. Segundo destacou, trátase dun produto que combina paisaxe, tradición milenaria e unha variedade mencía cada vez máis recoñecida pola súa autenticidade.

A responsable provincial salientou ademais que estes viños representan un símbolo da calidade dos produtos do territorio e contribúen a xerar actividade económica e emprego, reforzando a identidade vitivinícola do sur da provincia.

0.12044405937195