Chantada celebrará o 8 de maio a terceira edición da súa Festa da Xuventude

O Concello de Chantada, a través da Concellería de Xuventude, organizará o vindeiro 8 de maio unha nova edición da Festa da Xuventude, unha iniciativa que naceu hai tres anos co obxectivo de ofrecer concertos gratuítos pensados especialmente para a xente nova, aínda que abertos á participación de público de todas as idades.
Con esta proposta o Concello busca, ademais, dinamizar o centro da vila e ofrecer alternativas de lecer nocturno. A concelleira de Xuventude, Belén Vázquez Caseiro, explicou que “seguimos con esta proposta no mes de maio, despois de celebrar a primeira edición en abril. Maio ofrécenos días máis longos e previsiblemente unha climatoloxía mellor para celebrar estes concertos no exterior”. A edil subliña tamén que a festa está pensada “para todas as persoas que se sintan novas e lles apeteza gozar deste tipo de lecer nocturno”.
A xornada comezará ás 20:30 horas e contará con diferentes actuacións musicais repartidas por varios espazos da localidade ata ben entrada a madrugada. A animación inicial correrá a cargo da charanga Mekanika Rolling Band, que percorrerá as rúas da vila de 20:30h a 23:00h.
A partir dese momento, a música continuará coa actuación da Orquestra Panorama na rúa Xoán XXIII, de 23:00h a 02:00h. Finalmente, a Orquestra La Fórmula ofrecerá a súa actuación na contorna do Pavillón Municipal, de 02:00h a 05:00h.
A organización tamén prevé facilitar o desprazamento da mocidade doutros concellos da contorna mediante o servizo de Noite Bus. Nesta edición habilitaranse catro rutas de transporte con saída desde diferentes puntos da comarca e regreso previsto ás 05:00 horas. Os autobuses partirán desde Antas de Ulla con paso por Monterroso e Taboada; desde Monforte de Lemos con parada en Escairón; desde Antas de Ulla pasando por Agolada, Lalín e Rodeiro; e desde A Barrela.