Chantada aproba o orzamento de 2026, dotado con 9.733.660 euros

RibeiraSacraXa
As contas supoñen un aumento de máis de 300.000 euros con respecto ás do pasado ano
concello-chantada
6 Feb 2026

O Concello de Chantada aprobou no pleno celebrado este xoves, 5 de febreiro, o orzamento municipal para o exercicio 2026, que ascende a 9.733.660 euros. A cifra supón un incremento con respecto ao ano anterior, cando as contas acadaron os 9,4 millóns de euros.

O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, subliñou que se trata dun orzamento “equilibrado e sen déficit inicial”, elaborado a partir de previsións realistas de ingresos. Neste sentido, sinalou que “tivemos en conta os importes que se prevé liquidar pola aplicación das ordenanzas fiscais, pola participación nos tributos do Estado e pola transferencia do fondo de cooperación da Xunta de Galicia, subvencións e transferencias aínda por recibir”.

No apartado de ingresos, as transferencias correntes suman 5.311.157 euros, impulsadas polo aumento da participación nos tributos do Estado. Destacan tamén as partidas destinadas á dependencia, con 863.000 euros, e ao programa de inclusión social, dotado con 78.299 euros. O orzamento mantén subvencións de carácter anual como as do Centro de Información á Muller (CIM) e as traballadoras sociais, ademais de recoller achegas da Deputación para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o reforzo do emprego, así como programas como o obradoiro dual de emprego Serra do Faro X, o plan integrado de emprego, a atención temperá ou as axudas de igualdade para campamentos infantís.

Os impostos directos acadan os 2.661.071 euros, incluíndo o IBI, o imposto sobre actividades económicas, o de vehículos de tracción mecánica e a plusvalía urbana. Esta partida medra un 2,53 %, principalmente polo aumento da recadación do imposto sobre os terreos de natureza urbana. Os impostos indirectos, procedentes do imposto sobre construcións, instalacións e obras, sitúanse en 220.000 euros. Pola súa banda, os ingresos por taxas e outros conceptos correntes ascenden a 1.099.787 euros, cun incremento vinculado á próxima modificación da ordenanza da taxa do lixo, prevista para comezos de xullo.

No que respecta aos gastos, o orzamento reserva a maior partida aos gastos correntes en bens e servizos, con 4.471.117 euros, o que supón un aumento do 0,62 % debido á suba do IPC. Os gastos de persoal acadan os 3.709.650 euros, un 9,30 % máis que en 2025. Neste capítulo contémplase unha suba do 1,5 % nas retribucións do sector público, dúas dedicacións dos órganos de goberno e o persoal vinculado a programas como o obradoiro dual de emprego, o plan integrado, o reforzo da Deputación e a atención temperá. As transferencias correntes suman 394.000 euros destinados a subvencións nominativas, axudas de emerxencia, natalidade e distintas cotas.

O alcalde felicitou ao equipo de goberno e á área económica municipal polo traballo realizado e destacou que o Concello conta con “estabilidade orzamentaria total e débeda cero, o Concello de Chantada non debe nada. É unha boa nova para todos os veciños”.

⚙ Configurar cookies
0.10629487037659