Chantada acolle a mostra “Bocetos” de Ruth Liengaard

A Casa da Cultura de Chantada acolle durante este mes de marzo unha exposición da artista inglesa-danesa, Ruth Liengaard, afincada no Saviñao. Imaxes da natureza que aprecia nos seus paseos son as protagonistas da mostra, “Nesta exposición intento reflexar o que transmite esta terra, paz e tranquilidade con esa natureza abondosa e este campo tan fértil”, explica Liengaard que ao longo dunha vintena de pezas achéganos todo o que ve nos camiños do Saviñao cando sae a pasear.
Liengaard iniciou a súa carreira en cerámica, levando a cabo traballos de impresión, arte pública, escultura, pintura e debuxo. Á Casa da Cultura de Chantada achega o seu último traballo, “Bocetos,” onde nos ofrece distintos bosquexos que xurdiron “dos repousados paseos pola contorna de Quintairo no Saviñao”.
Ruth Liengaard ten exposto en centros de arte de Francia, Alemaña, Dinamarca e Reino Unido. A exposición que achega á Casa da Cultura de Chantada pode visitarse durante todo o mes de marzo, de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.