Chandrexa de Queixa contará cun novo espazo público e un edificio recreativo en Celeiros

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras para a creación dun espazo público e dun edificio recreativo en Celeiros, parroquia de Chandrexa de Queixa, cun investimento próximo aos 196.000 euros. A actuación, incluída no Plan Hurbe, ten como obxectivo dotar ao municipio dun novo punto de encontro social e cultural.
Os traballos foron adxudicados á empresa Explotacións Medioambientais S.L.U. e contan cun prazo de execución de cinco meses. As actuacións consistirán na humanización dunha parcela situada xunto á estrada Trives–Chandrexa, así como na creación dunha zona peonil con áreas verdes, bancos, unha mesa para actividades e un aparcadoiro para bicicletas, ademais dun sistema de iluminación LED para facilitar o seu uso durante a noite.
O espazo servirá para a celebración de feiras, actividades deportivas e de lecer, reunións veciñais ou actos ao aire libre, ademais de ofrecer unha zona de descanso para os usuarios da residencia de maiores do municipio. Así mesmo, tamén se construirá un pequeno edificio de madeira, con cuberta a dúas augas, destinado a usos recreativos e pensado para acoller actividades a cuberto.