Centos de persoas achegáronse a Manzaneda para presenciar o tradicional desfile de fulións

Manzaneda viviu este martes o seu día grande do Entroido, co tradicional desfile de fulións, que encheu de cor as rúas da vila medieval, ateigadas por centros de persoas que se achegaron para desfrutar desta tradición.
Entre os asistentes estivo o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, que estivo acompañado polo alcalde de Manzaneda, Amable Fernández. Santos destacou que os fulións de Manzaneda e as súas Mázcaras, protagonistas dos mesmos, son un “sinal de identidade” das súas aldeas, e destacou “a singularidade das súas danzas”, ao ritmo das aixadas, sachos, gañadas e cornas.
Logo de percorrer desde primeiros de febreiro as súas respectivas zonas, o Martes de Entroido os tres fulións do municipio (o da parroquia de San Martiño, o de Langullo-Parroquia de Cesuris e o da Mourela p´acá) xuntáronse na vila de Manzaneda para realizar o tradicional desfile con saída dende o colexio, no que tamén estiveron presentes fulións de concellos veciños como Trives e Vilariño de Conso. Ao remate, os asistentes reuníronse nun xantar popular no pavillón polideportivo.