Bóveda rehabilita a Fonte de Piñeiro cun investimento de 13.600 euros para mellorar a paisaxe en Martín

O Concello de Bóveda vén de completar a rehabilitación da Fonte de Piñeiro, situada na parroquia de Martín, grazas a unha subvención do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia por un importe total de 13.600 euros. A achega económica enmárcase na liña de axudas destinada aos concellos para a realización de actuacións orientadas á corrección de impactos paisaxísticos.
O Goberno local decidiu concorrer a esta convocatoria co obxectivo de resolver o impacto visual e ambiental provocado polo deficiente estado de conservación no que se atopaba a fonte, cuxo deterioro facía necesaria unha intervención integral para garantir a súa recuperación e posta en valor.
Os traballos executados incluíron a demolición do antigo muro de bloque de formigón ata a cota das escaleiras de acceso, así como a construción dunha nova estrutura de contención mediante estacas de madeira e vargos dispostos en posición horizontal. Ademais, procedeuse á reposición da canalización das augas, á substitución do cano da fonte e á colocación dunha varanda de protección para mellorar a seguridade do espazo.
De maneira complementaria e con financiamento propio, o Concello de Bóveda instalou un banco de madeira e unha pérgola co fin de transformar a contorna nun lugar de descanso e encontro para a veciñanza. O alcalde, José Manuel Arias, destacou que desde este punto “hai unhas vistas extraordinarias do Val de Lemos”, o que converte a Fonte de Piñeiro nun espazo especialmente axeitado para o desfrute e o uso social por parte dos veciños e veciñas.