Bóveda organiza actividades para celebrar as Letras Galegas
O Concello de Bóveda promove unha actividade de homenaxe a Xela Arias para a que agradece a colaboración de todos e todas.
Para participar tan só hai que gravarse recitando un texto da autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas cunha duración máxima dun minuto e enviala a cultura@concellodeboveda.com xunto cos datos de contacto. Os vídeos colgaranse no Facebook do concello e todas as persoas participantes recibirán un agasallo da biblioteca. A actividade estará aberta ata o 20 de maio.
A maiores, o Goberno local pon en marcha a mostra Asinamos ser libres no Centro Sociocultural onde se amosa a traxectoria vital da autora homenaxeada. Os horarios son: luns, xoves e venres, de 10:00 a 14:00 horas; martes de 18:00 a 20:00 horas e mércores de 16.30 a 18:30 horas.
Así mesmo, contarase tamén cunha actividade infantil Estas cartas teñen moito conto. Xogando con Xela Arias, que estará a cargo de Velaísca e que se realizará o xoves 13 de maio en horario de mañá.