Bóveda mellorará a cuberta da Casa da Cultura cunha achega de 51.272 euros da Xunta

RibeiraSacraXa
Está previsto que os traballos se leven a cabo nas vindeiras semanas e que estean rematados antes do inverno
casa-da-cultura-de-boveda
Casa da Cultura de Bóveda
27 Jun 2025

O Concello de Bóveda vén de obter unha axuda da Xunta de Galicia para acometer o cambio de cuberta na Casa da Cultura, o que vai permitir ter unhas instalacións melloradas. A actuación suporá un investimento de 51.272 euros.

Así, o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, veñen de asinar un convenio de colaboración para a cobertura e reforzo estrutural do Centro Sociocultural do Concello de Bóveda en virtude do cal o departamento autonómico achega o 100% do custo das obras.

Está previsto que os traballos se leven a cabo nas vindeiras semanas e que estean rematados antes do inverno.

Trátase, segundo figura no texto do convenio, “das actuacións necesarias” para que o Concello de Bóveda poida seguir ofrecendo unha programación cultural diversa e de calidade dirixida aos veciños e veciñas. José Manuel Arias recorda que se trata dun edificio que abriu as súas portas a finais dos anos 90 e que presentaba algunhas goteiras, polo que se trata dunha intervención “prioritaria” nun dos espazos públicos municipais máis empregados pola veciñanza.

O Centro Sociocultural de Bóveda é un espazo comunitario onde a maiores da programación cultural se levan a cabo talleres, cursos, actividades, no que está a Biblioteca Pública Municipal e tamén o PAI. “Os traballos na cuberta do edificio van permitir mellorar a calidade interior da edificación”, conclúe o rexedor.

⚙ Configurar cookies
0.16012406349182