Bóveda inaugurará este mércores unha mostra sobre violencia de xénero
Bóveda inaugurará este mércores, 22 de xaneiro, a mostra 'Cartas de amor: 15 artistas contra a violencia de xénero', promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro día 6 de febreiro no Centro Sociocultural.
Esta exposición do cómic galego sobre a violencia de xénero conta con debuxos de autores de sona como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luís Méndez, Jack Mircala, Javier Olivares, David Pintor, Pirusca, Primitivo, Sonia Pulido, Paco Roca, Sergi San Julián, Eva Vázquez, Óscar Villán e Anxos Sumai.
A proposta enmárcase no proxecto 'Bóveda contra a violencia de xénero e pola igualdade' posto en marcha dende o Goberno local e ten como obxectivo sensibilizar á poboación máis nova, facer reflexionar ás e aos adolescentes sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e, polo tanto, tamén a eliminala.