Bóveda desenvolve o programa Xuño en Igualdade
O Concello de Bóveda dá a coñecer o seu programa de actividades previsto para cando os nenos e nenas rematen o colexio. Así, desenvolverá un programa chamado Xuño en igualdade con propostas para os nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.
Son actividades que se levarán a cabo entre o día 23 e o día 30 de xuño no Centro Sociocultural. As prazas serán cubertas por orde de inscrición ata completar o aforo, que se rexerá polas normas sanitarias en vigor. Nestas actividades terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Bóveda. É preciso inscribirse chamando ao teléfono 982 42 61 77.
Programa
O mércores 23 a xornada comezará coa Party da igualdade, un obradoiro temático en igualdade de xénero con probas e preguntas encamiñadas a rachar cos estereotipos e roles sexistas e previr a violencia de xénero.
Ao día seguinte, o xoves 24, realizarase O xogo das escritoras. Trátase dun xigantesco xogo da oca no que ademais de subir e baixar polo taboleiro as persoas participantes buscarán nos libros da Biblioteca Pública Municipal, debuxarán, escribirán e espremerán os miolos para superar as actividades propostas, relacionadas coa literatura escrita por mulleres.
O venres 25 será o turno da actividade Atrapados con Harry Potter, un escape room que nos sitúa no interior da novela Harry Potter e o cáliz de lume na que os xogadores terán que axudar ao protagonista a saír da habitación na que está atrapado.
Pasado o fin de semana, a xornada retomarase o luns 28 co Tris, tras, tres, autocollage, un taller creativo e lúdico no que grazas ás ferramentas das artes plástica e teatrais traballarán a diversidade de xénero, as violencias invisibles, o caleidoscopio emocional e aprenderán sobre o respecto e a integración da diversidade.
Na xornada do martes 29 desenvolverase a actividade Mulleres científicas, onde os nenos e nenas farán experimentos de laboratorio para que as mulleres científicas nunca máis sexan invisibles.
Finalmente, as actividades rematarán o mércores 30 co Conto xogo. A través deste xogo é facilmente recoñecible que non hai xogos de nenos nin de nenas, ao igual que non hai contos de ningún xénero.