Bóveda amplía o prazo para visitar a exposición ‘Express-Arte: 15 visións’

O Concello de Bóveda prolonga ata o 24 de novembro o período para visitar a exposición ‘Express-Arte: 15 visións’, organizada con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A mostra puido ser visitada o pasado venres polas persoas usuarias da Biblioteca Accesible, e permanece aberta ao público para quen desexe achegarse nos vindeiros días.
A exposición está cedida pola Consellería de Política Social e Igualdade e forma parte dun programa de integración laboral destinado a vítimas de violencia de xénero, no que se promove a expresión artística como ferramenta de empoderamento e visibilización.