Bóveda acolle este xoves o espectáculo ‘María Balteira, a bailadora primeira’
O espectáculo ‘María Balteira, a bailadora primeira’, chega este xoves ao Centro Sociocultural de Bóveda. O espectáculo mestura teatro e baile tradicional galego a través dunha obra de ficción na que se entrelazan tres figuras importantes da Idade Media en Galicia e Portugal: o rei Afonso X o Sabio, o trobador Pedro Amigo e a máis famosa soldadeira, María Balteira.
A función terá lugar ás 17:30 horas e enmárcase dentro do programa de actividades de Nadal organizadas polo Concello de Bóveda co apoio da Deputación de Lugo.
Sinopse
Montse Rivera e Xabier Iglesias achegan o baile tradicional ás crianzas e ás súas familias cunha obra de teatro, música e danza ambientada no Medievo.
O Rei Sabio vive no Bosque das Artes, onde cultiva a música, a poesía e o teatro; pero algo non vai ben: nunha parte do seu bosque as plantas e as árbores non medran como deberían.
Pedro Amigo é mestre de música e María Balteira, a súa alumna, pero María soña con bailar. Un día cóntalle os seus soños a Pedro, que queda asombrado coa maneira de bailar de María e pídelle que lle ensine a bailar.
A fama da bailadora María Balteira chega aos oídos do Rei Sabio, que lle escribe unha carta pedíndolle axuda para que o seu Bosque das Artes medre florido e fermoso.