Avanzan as obras na travesía que une Monforte e Sober

O alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este mércores os traballos de mellora que se executan na estrada LU-P-3201, entre a Capela de San Lázaro e Piñeira. Acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, técnicos do servizo de Vías e Obras da Deputación e directivos da empresa Ovisa, o rexedor supervisou o estado das obras, que se atopan moi avanzadas e que se prevé que finalicen en breve. O orzamento deste proxecto, asumido íntegramente pola Deputación Provincial, supera os 400.000 euros.
José Tomé destacou que se trata “dunha actuación certamente significativa porque afecta a unha vía de titularidade da Deputación Provincial que forma parte da trama urbana e que é moi transitada, xa que tamén conecta os concellos de Monforte e Sober”. Engadiu que “grazas á colaboración da Deputación de Lugo, estase levando a cabo a mellora de varios tramos cuxo pavimento presentaba algunhas deficiencias que supoñían unha mingua da comodidade e seguridade dos usuarios desta estrada”.
O tramo mellorado comprende desde o punto quilométrico 0+814, á altura do edificio de Agora xunto á Capela de San Lázaro, ata o 2+540, na parroquia de Piñeira, pasando por Talleres Ignacio antes do seu paso baixo a N-120. Ademais, a intervención inclúe un tramo da estrada vella de Monforte a Sober de 267 metros, que presta servizo a varias vivendas desta parroquia. No total, a actuación alcanza practicamente os 2 quilómetros (1.993 metros).
O proxecto elaborado polo Servizo de Vías e Obras da Deputación contempla a reapertura das cunetas existentes eliminando vexetación e terra acumulada, a limpeza do drenaxe transversal e reparación de pasos salvacunetas e outros elementos necesarios para garantir a evacuación das augas, así como a instalación dunha nova canaleta baixo o paso a nivel deteriorada.
Na zona máis urbana céntranse na reposición do firme cunha nova mestura bituminosa en quente, pavimentación con formigón alisado en certas zonas e pavimentación da marxe dereita entre as vivendas e o sendeiro. Para executar unha separación física entre estrada e novo pavimento de formigón colocaranse rigolas prefabricadas de formigón e entubaranse as cunetas existentes.
Finalizada a pavimentación, realizarase o pintado da vía mediante marcas viarias reflexivas, incluídas as paradas de autobús e pasos de peóns, e instalaranse bandas sonoras para reducir a velocidade ao redor do IES A Pinguela. Repoñerase tamén a sinalización vertical deteriorada.
Tomé explica que “haberá unha cuneta transitable para as persoas dende as actuais beirarrúas, e a baixada á ponte inferior do ferrocarril, mellorando tamén os estacionamentos diante do IES A Pinguela, e tamén do Obradoiro de Emprego”. Ademais, insistiu en que o obxectivo do proxecto é mellorar e reforzar o firme existente, aumentando a súa capacidade estrutural e adecuándoo ás actuais cargas de tráfico, que son moito máis elevadas que cando se construíu o firme anterior. Esta estrada, ademais de soportar o tráfico entre Monforte e Sober, serve tamén como vía de entrada á cidade desde Sober e polos condutores que rodean a cidade por Piñeira.
O rexedor destacou a importancia destas obras para a seguridade vial, a accesibilidade peonil e o conxunto da zona, na que se renovaron espazos como o pabellón polideportivo, se acondicionou o aparcamento e se completa actualmente a reforma integral da piscina municipal. “Trátase dunha inversión relevante porque vai supoñer a mellora dunha travesía, a de Monforte-Sober, que actualmente conta con moito tránsito de vehículos, dada a zona na que se ubica, que beneficia ós veciños da Pinguela, da rúa Sober e de Piñeira, que é todo o fronte das instalacións deportivas. Deste xeito, toda esa zona da cidade, quedará renovada”, salientou o rexedor.