A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel presentou as actividades de 2025

Dende a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizan un ano máis as actividades de "Artesanía Alimentaria", "Proxectos de Vida" e "Recuperando saberes e sabores", así como o "CourelSon". O obxectivo destes eventos é poñer en valor o enorme patrimonio natural e gastronómico do lugar.
Así, entre os días 25 de xullo e 22 de agosto terá lugar o CourelSon, cun total de cinco concertos en diferentes lugares:
- 25 de xullo. Minnemann Blues Band en Esperante
- 1 de agosto. Los Winters en Vieiros
- 2 de agosto. Pablo Sanmamed Cuarteto en Vilamor
- 9 de agosto. Julián Maeso en Seceda
- 22 de agosto. Why Go en Paderne
Pola súa banda, o 12 de xullo celebrararase en Paderne a VI festa de exaltación da cantarela, o fungo que abunda na primavera nos soutos do Courel e que fai desta festa a única festa micolóxica de Galicia fora do outono.
En setembro organizarase o segundo simposio sobre proxectos de vida na montaña onde contrastar e debater experiencias propias e alleas e a súa replicabilidade, e o 7 e 8 de xuño celebrarase o VI BioBlitz do Courel no que todos aqueles que queiran participar terán a oportunidade de contribuír ao coñecemento da biodiversidade da serra acompañados de especialistas que os guiarán nestas xornadas de campo.