'As que limpan' cerra este xoves o primeiro semestre do ciclo de teatro de Monforte
O teatro volve esta semana a Monforte. O Edificio Multiusos acollerá este xoves 19 de maio ás 20.15 horas a posta en escena da obra para adultos As que limpan, da compañía A Panadería, unha obra composta por Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman e Paula Carballeira, dirixida por A Panadería e interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.
É a derradeira cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios deste primeiro semestre de 2022 en Monforte.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.
A venta de entradas farase dende unha hora antes da actuación e a entrada o salón de actos realizarase media hora antes do comezo da obra. A venta será ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación.
A OBRA
Un cartel pendurado no manubrio da habitación. “Por favor, arranxe o cuarto”. Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son As que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador.
As que limpan fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes.