As obras de mellora do Parque dos Condes comezarán en marzo

O alcalde de Monforte aprobou o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo para as obras de reforma do Parque dos Condes e a construción da nova fonte, un trámite que permite avanzar cara ao inicio dos traballos.
O alcalde, José Tomé Roca, anunciou que esta semana se procederá ao valado da zona e que as obras comezarán a partir de mediados do mes de marzo. O proxecto foi adxudicado o pasado mes de xaneiro á empresa Misturas S.A. por un importe de 636.334,16 euros (IVE incluído) e contará cun prazo de execución de catro meses desde a sinatura da acta de replanteo. Segundo indicou Tomé, “Monforte contará cunha fonte espectacular este mesmo verán, unha fonte de cidade que será un novo elemento de atracción turística e un orgullo para todos os monfortinos e monfortinas”.
Na mesma sesión, o goberno local deu conta tamén do reinicio das obras de urbanización e dotación de servizos da Zona D, que foran suspendidas temporalmente debido ás intensas choivas rexistradas nas últimas semanas. Tras a mellora das condicións meteorolóxicas, a empresa adxudicataria, Extraco S.A., está a realizar probas de resistencia do terreo para proceder ao vertido da capa de formigón que servirá de base para a colocación do granito. Esta actuación, adxudicada por un importe de 420.495,57 euros e cun prazo total de execución de oito meses, afronta agora os seus catro meses restantes, coa previsión de que tanto este proxecto como a reforma do parque estean finalizados antes de agosto. “Estará rematada antes de agosto para que poidan ser desfrutados pola veciñanza e os visitantes durante o verán”, sinalou o alcalde.
A reforma do Parque dos Condes actuará sobre unha superficie de 2.850 metros cadrados na que non se interviña desde hai anos. A principal actuación será a instalación dunha fonte circular de 25 metros de diámetro na zona central do parque, onde actualmente se sitúa o busto do Cardeal, que será trasladado á rotonda da nova rúa da Zona D. Arredor da fonte habilitarase un paseo de cinco metros de ancho con catro accesos, pavimentado en pedra granítica de 12 centímetros de grosor, mentres que a zona máis próxima ao cadrado contará con formigón pulido cor xabre.
A fonte disporá de diferentes modos de programación e espectáculos especiais para momentos puntuais, ademais de iluminación nocturna. Tamén se duplicará o número de bancos actuais para facilitar o desfrute do espazo tanto de día como de noite. En palabras do alcalde, “a intención é que a fonte sexa observada desde a rúa do Cardenal coa finalidade de reactivar ese espazo central do parque, integrando elementos modernos para convertelo nun punto emblemático da cidade e un espazo de referencia no lecer urbano”.
Pola súa banda, a urbanización da Zona D desenvolverase nun ámbito de máis de 3.200 metros cadrados situado entre a rúa Cardenal e o río Cabe. As obras inclúen a dotación e conexión coas redes xerais de saneamento, abastecemento de auga, enerxía, alumeado, telecomunicacións e gas, así como pavimentación, xardinaría e mobiliario urbano. O alcalde destacou que esta intervención permitirá abrir un novo vial que comunicará a rúa Cardenal co Paseo do Cabe e xerará novas parcelas edificables de baixo impacto xunto a unha pequena zona verde. “Coa instalación da fonte e a urbanización da Zona D finalizada, Monforte contará neste parque cun espazo singular e espectacular, todo elo integrado na trama urbana e paisaxística do conxunto da Compañía e do entorno do Cardenal”, afirmou.
O rexedor subliñou que o desenvolvemento deste proxecto supón “un paso máis no meu compromiso de mellorar o urbanismo da cidade”, nunha zona emblemática como é o entorno do Cardenal e o Parque dos Condes.