Antonio Lois presenta o seu novo poemario no Vello Cárcere

O escritor Antonio Lois presentará en Lugo o seu último poemario, Lembranzas e sentimentos de quen soñou ser poeta, nun acto que terá lugar o sábado 28 ás 19:00 horas no Vello Cárcere.
O poeta, nado no Castro de Mourelos, no Saviñao, e actualmente residente en Barcelona, conta cunha traxectoria consolidada no ámbito literario, construída a través de publicacións en revistas especializadas e a súa participación en libros colectivos. Nesta nova obra, o autor afonda nas raíces que o levaron á escrita, cunha especial atención á cultura labrega na que medrou, que reivindica sen idealizacións e desde unha perspectiva aberta ao mundo, propia dun viaxeiro constante.
En Lembranzas e sentimentos de quen soñou ser poeta, o pasado preséntase como unha realidade viva, ao mesmo tempo próxima e distante, asumida como un elemento esencial na construción da identidade persoal. O rural, a interiorización da paisaxe, a experiencia da emigración e unha marcada carga intimista configuran unha proposta poética que transmite unha mensaxe de esperanza, centrada na vida e no ser humano como patrimonio inmaterial de gran valor.
O acto contará coa participación de Anxo Boán, José Estévez e Manuel Vázquez, que acompañarán ao autor durante a presentación.