Alfonso Rueda inaugura a primeira fase da mellora da LU-651 no Courel

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O presidente da Xunta destaca o investimento de 3,8 millóns na estrada e avanza que as novas oficinas ofrecerán asesoramento directo e axilizarán a concesión de axudas
Xunta-de-Galicia-estrada-LU-651-Seoane-do-Courel
27 Aug 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, inaugurou a primeira fase das obras de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, unha intervención que contou cun investimento de preto de 3,8 millóns de euros. Rueda subliñou que proxectos como este “dan servizos e fan a vida máis sinxela”, destacando a importancia de garantir infraestruturas seguras e modernas no rural.

Así, a primeira fase xa está en servizo, á espera de pequenos remates. Os traballos permitiron ampliar a plataforma, rectificar curvas perigosas e mellorar as cunetas. Enmarcouse esta actuación no plan de mellora da seguridade viaria, que este ano dispón dun orzamento de 265 millóns de euros.

Ademais, xa está en marcha a seguinte fase do proxecto e está redactado o trazado dun aparcadoiro na entrada de Seoane. A Xunta conta tamén cun proxecto aprobado para recuperar o tramo afundido polo colapso dunha mina, previsto para licitación a finais de 2025 ou comezos de 2026 cun investimento superior a 5 millóns de euros.

No marco do acto, o mandatario galego anunciou tamén a posta en marcha de 16 oficinas distribuídas por toda Galicia para prestar atención directa ás persoas e entidades afectadas polos incendios forestais. Estes espazos, atendidos por técnicos da Xunta, ofrecerán asesoramento, información e apoio na tramitación das axudas co obxectivo de que os recursos cheguen aos veciños “o antes posible”.

Rueda lembrou que o Courel xa foi zona cero dos lumes en 2022, cando a Xunta activou medidas de apoio que contribuíron á recuperación da contorna. Anunciou que este venres, nun Consello da Xunta extraordinario en Ourense, aprobaranse novas liñas de axudas para paliar os danos dos últimos incendios, que poderán solicitarse a partir do sábado.

Na provincia de Ourense habilitaranse dez destas oficinas en Verín, A Gudiña, Xinzo de Limia, Maceda, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Rúa, Pobra de Trives, Ribadavia, Chandrexa de Queixa e tamén en Vilamartín de Valdeorras, mediante unha oficina agraria móbil. Haberá outras dúas en Melide e Ponteceso (A Coruña), unha en Quiroga (Lugo) e dúas máis en Lalín e O Porriño (Pontevedra).

O presidente fixo tamén un novo chamamento contra os incendiarios, recordando que só en agosto houbo en Galicia 12 detidos e outros 12 investigados. Subliñou a cooperación coas forzas de seguridade e coa xustiza, así como o labor da unidade de investigación de incendios forestais da Consellería de Medio Rural.

Rueda concluíu asegurando que cada investimento no rural é tamén unha aposta polo futuro de Galicia, resaltando a necesidade de garantir iguais oportunidades e boas conexións a todos os galegos, con independencia do lugar onde vivan.

⚙ Configurar cookies
0.15826106071472