Alexandre Varela será o novo voceiro do Grupo Municipal do BNG no Concello de Taboada

O pasado xoves, 24 de abril, no Pleno Ordinario, tomou posesión como concelleiro Alexandre Varela Rubín, logo da renuncia de Patricia Conde o pasado mes de febreiro por motivos persoais. O novo edil será responsable da Área de Educación, Benestar e Participación Cidadá e terá competencias na xestión municipal dos centros educativos (gardaría e CPI), igualdade, biblioteca, arquivo municipal, memoria histórica, normalización lingüística e promoción do benestar, entre outras responsabilidades.
Ademais, será nomeado Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de Taboada, o cal se fará efectivo no próximo pleno.
Alexandre Varela concorrera na candidatura do BNG ás eleccións municipais de 2023 para acceder agora ao goberno local xunto cos seus compañeiros de filas José Portela e Manuel Diéguez, Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura e Deporte, respectivamente. O novo edil valora este momento como “unha oportunidade de contribuír ao labor de goberno que o BNG está levando a cabo desde hai case dous anos en Taboada, nun momento en que temos importantes proxectos en marcha para o noso concello”.