Agroma Sober levará ao pleno unha moción para reclamar máis profesorado no CEIP Virxe do Carme

Agroma Sober – IGV vén de presentar unha moción no Concello para apoiar as demandas da ANPA do CEIP Virxe do Carme de Sober e da CIG-Ensino, que reclaman a necesidade de incrementar o profesorado no centro.
A moción, que será debatida no próximo pleno, solicita a contratación de profesorado adicional para desdobrar as aulas de 1º e 2º de Primaria, que actualmente están agrupadas a pesar de superar a ratio máxima establecida. No curso 2025-2026, estas aulas contan con 15 alumnos, cando o límite acordado é de 14, e o alumnado incrementouse despois do Nadal, superando o 10 % de aumento autorizado pola Consellería de Educación.
A pesar disto, denuncian, a Consellería mantén as aulas agrupadas, alegando que o centro funciona “ben”, unha valoración que desde Agroma Sober e a comunidade educativa consideran subxectiva e insuficiente para garantir unha atención educativa axeitada, especialmente tendo en conta as necesidades diversas do alumnado.
Dende Agroma Sober destacan que esta situación provoca un sobre esforzo no profesorado e prexudica o dereito dos nenos e nenas a recibir unha educación de calidade, especialmente nas zonas menos poboadas.
Por iso, o grupo municipal pide ao pleno que apoie unanimemente a moción e que se traslade á Consellería a esixencia de dotar de inmediato o centro co profesorado necesario para proceder ao desdobramento das aulas de 1º e 2º de Primaria.